2010/11/14

A XUNTA DESPIDE A MÁIS DE 40 TRABALLADORES DAS SOCIEDADES COMARCAIS

.

É persoal que ten contratos indefinidos e que serán despedidos coa disolución de SODECO e coas "precisións" da Lei de Acompañamento aos orzamentos do 2011.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 14/11/2010

"Temos que dicir que a nosa situación produciuse por unha serie de irregularidades laborais que se deron anteriormente coas empresas subcontratadas que xestionaban estes centros comarcais, declarándose tanto por parte da Inspección de Traballo como polo Xulgado do Social, unha cesión ilegal de traballadores, tendo que convertir os nosos contratos temporais en indefinidos para posteriormente pasar a formar parte da plantilla da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal".

Así de contundentes se manifestaron estes traballadores que denuncian que a Xunta utilizou a "porta de atrás", coa disolución de Sociedade de Desenvolvemento Comarcal (SODECO) a través da Lei de Acompañamento dos orzamentos 2011, que prevé a integración dos seus traballadores na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

"Violando dereitos constitucionais"

Pero nesa lei non se fai alusión á integración, en Agader, do persoal con contrato indefinido sen cobertura definitiva de posto; en total, preto de 40 persoas. Por iso denuncian que se están violando os seus dereitos constitucionais que se "conseguiu por Sentenza Xudicial" e porque, por parte da Xunta houbo un "Acordo de Recoñecemento dos seus Dereitos Laborais".

"As traballadoras dos centros comarcais non temos a culpa da actual crise financeira que sufre o sistema, nin temos porqué pagar a austeridade nas contas do actual goberno da Xunta, xa que pensamos que recortar gastos pódese facer doutra maneira e non mediante despidos", aseguran nun comunicado remitido a GC.

Peticións aos grupos parlamentarios


Por todo iso solicitan dos grupos parlamentarios do PPdeG, PSdeG e BNG que emenden o texto da normativa que se está a debater no Parlamento para ter "as mesmas oportunidades que o resto dos compañeiros, logrando a estabilidade no emprego que no seu momento nos vimos obrigadas a denunciar tanto nos Xulgados do Social, como na Inspección de Traballo como nos diferentes medios de comunicación".

A súa situación é moi diferente a dos xerentes dos centros comarcais que serán readmitidos na nova estructura de Agader. Precisamente, durante o bipartito, acordouse a fusión de SODECO e Agader e xa se recollía a disolución da xerencia destes centros. Durante a campaña electoral o PPdeG prometeu que os ía incorporar novamente á estructura de Medio Rural. Sen embargo, deixa desprotexidos aos traballadores indefinidos da mesma sociedade.

 Galicia Confidencial

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.