2010/11/04

ACTA DA SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DO COMITÉ DE EMPRESA DA SOCIEDADE ANÓNIMA PARA O DESENVOLVEMENTO COMARCAL DE GALICIA DO 2 DE NOVEMBRO DE 2010

 .
.
ACTA DA SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DO COMITÉ DE EMPRESA
DA SOCIEDADE ANÓNIMA PARA O DESENVOLVEMENTO COMARCAL
DE GALICIA DO 2 DE NOVEMBRO DE 2010
ACTA 14/2010



ASISTENTES:

Pola CIG:

Manuel Jorge Dorrego Taín
Gonzalo González Bernárdez
Ana Isabel Paz Villar

Por UGT:
Dominique Aller González
Inmaculada Serantes Duran

Por CCOO:
María Dolores Rodríguez Campos

En Santiago de Compostela, sendo as 10:00 horas do día 2 de novembro de 2010, reúnese en sesión ordinaria o Pleno do Comité de Empresa no centro de traballo da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia coa asistencia das persoas anteriormente relacionadas, segundo a seguinte orde do día:

Punto primeiro.- Lectura e aprobación, se procede, da acta da reunión anterior
Punto segundo.- Información das actividades da Comisión de Traballo creada o 25 de outubro para informar aos grupos parlamentarios das consecuencias do Proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas.
Punto terceiro.- Achegas e preguntas

Punto primeiro:
Foi lida e aprobada por unanimidade a acta da reunión anterior.

Punto segundo:
En calidade de integrantes da comisión de traballo, asisten con voz pero sen voto a este punto da orde do día as traballadoras Amparo Martín e Ana Rosa Doval.

Manuel Jorge Dorrego expón que a comisión de traballo foi recibida no Parlamento o xoves 28 de outubro polo grupo parlamentario do BNG por Tereixa Paz e polo grupo parlamentario popular por Antonio Rodríguez Miranda. Expuxéronselles a ambos as problemáticas dos colectivos dos indefinidos e dos temporais no Proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas e ambos comentaron que analizarían no seu grupo parlamentario a posibilidade de presentar emendas ao texto do proxecto de lei. Pola súa parte, Antonio Rodríguez Miranda comprometeuse a dar unha contestación á comisión de traballo unha vez feitas as súas consultas no seu grupo parlamentario. M.J. Dorrego indica que polo de agora non contestou nada.

O venres 29 de outubro reúnese a comisión de traballo e decide presentar por escrito no Parlamento as peticións aos grupos parlamentarios, e que sexa o Comité de Empresa quen canalice estas peticións.

Ana Rosa Doval indica que o seu colectivo de indefinidos redactou un escrito para dirixir aos grupos parlamentarios argumentando a súa situación, escrito que entrega ao Comité de Empresa.

Acórdase por unanimidade que o Comité de Empresa presente un escrito aos grupos parlamentarios de contido xenérico solicitando que se presenten as emendas precisas ao proxecto de lei para que dun xeito claro e inequívoco se estableza a continuidade laboral de todos/as os/as traballadores/as de SODECO, engadindo xuntos os argumentos que cada colectivo desexe. Ana Rosa Doval solicita que se entregue conxuntamente o escrito entregado ao Comité de Empresa, acordándose así facelo. Dominique Aller indica que consultará ao colectivo de temporais se queren engadir algún escrito aos grupos parlamentarios.

Acórdase que o Comité de Empresa redacte o escrito xenérico, que será entregado hoxe mesmo no Parlamento, aproveitando que a comisión de traballo está citada co grupo parlamentario socialista.

Ana I. Paz indica que o colectivo de indefinidos mantivo unha reunión no día de onte na que acordaron celebrar unha rolda de prensa para explicar a súa situación. Pregunta se UGT e CCOO van dar o seu apoio a este acto, tanto a nivel sindical como na representación no Comité de Empresa, dado que o apoio da CIG xa lles foi manifestado.

María Dolores Rodríguez, por CCOO manifesta o seu apoio á rolda de prensa, dependendo do seu contido, e comprométese a facer a consulta ao seu sindicato, e no caso de tomar outrasmedidas, entende que deberán  ser coñecedores das mesmas o resto de compañeiros/as, mediante convocatoria ao efecto de Asemblea.

UGT indica que necesitan coñecer o texto da rolda de prensa antes de dar o seu apoio, ademais de saber a data posible e de someter a decisión de apoio á aprobación en asemblea pola maioría dos traballadores. A nivel sindical Dominique Aller comprometeuse a facer a consulta no seu sindicato e transmitila despois.

CIG indica que apoiará todas as medidas que propoñan o colectivo de indefinidos.

Amparo Martín propón, antes de tomar calquera medida, agardar a ter unha resposta dos grupos parlamentarios. Acórdase por unanimidade que a comisión de traballo continúe a súa actividade e agardar á resposta dos grupos parlamentarios aos escritos presentados.

Punto terceiro:
Non se formularon achegas e preguntas.

Dáse por finalizada a sesión ás 11:30h. En proba de conformidade todos os asistentes asinan a presente Acta no lugar e data recollidos no encabezamento desta.
.
.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.