2010/11/11

DENUNCIAN QUE A XUNTA NON PREVÉ A RECOLOCACIÓN DAS TRABALLADORAS DOS CENTROS COMARCAIS INTEGRADOS EN SODECO

.
.
A normativa contempla a recolocación dunha parte do cadro de persoal pero non estabelece alternativas para o persoal indefinido sen cobertura definitiva de posto
.
A decisión da Xunta de Galiza de disolver a Sociedade Anónima de Desenvolvemento Comarcal (SODECO) podería ter graves consecuencia para o persoal dos centros comarcais integrados nesta sociedade. Representantes do Comité de Empresa e traballadores/as denunciaron que a Lei de Acompañamento dos orzamentos 2011 regula as distintas posibilidades de integración do persoal que presta servizos nesta sociedade, pero non estabelece alternativas para a recolocación do persoal con contrato indefinido sen cobertura definitiva no posto de traballo.
.
Segundo explicaron, a súa situación deriva dunha serie de irregularidades laborais que se deron anteriormente coas empresas subcontratadas que xestionaban este centros comarcais e que levaron tanto á Inspección de Traballo como aos Xulgados do Social a declarar unha cesión ilegal de traballadores/as, o que obrigou a converter os contratos temporais en indefinidos, para posteriormente pasar a formar parte do cadro de persoal.
.
Xunto a isto, denunciaron que no artigo 16 da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas (Lei de Acompañamento dos orzamentos 2011), que se está a debater xunto cos orzamentos de Galiza, fálase da reorganización dos instrumentos de xestión da Xunta de Galiza no eido do desenvolvemento rural e regúlanse as distintas posibilidades de integración do persoal que presta servizos para a citada sociedade, dentro da Axencia de Desenvolvemento Rural.
.
Porén, non se fai alusión á integración na devandita Axencia, do persoal con contrato indefinido sen cobertura definitiva de posto, que é o seu caso. Por iso, denuncian que “para dar cumprimento ao principio constitucional de igualdade debería regularse a integración de todo o persoal”, advertindo que, “do contrario, se estaría a vulnerar un dereito adquirido polos traballadores/as dos Centros Comarcais”.
.
Lembran que a unha parte das traballadoras se lles recoñeceu por Acordo de Sentenza Xudicial a condición de indefinidas e que outra parte asinou un Acordo de Recoñecemento de Dereitos Laborais, no que se contempla expresamente a condición de traballadores/as contratados por tempo indefinido adquirindo “tanto uns como outros, a condición de persoal laboral fixo de plantilla de superar o proceso selectivo que regulamentariamente se convoque ao efecto”. Un proceso que aínda non se convocou e do que afirmaron “descoñecemos os motivos de por que non se fixo”.
.
Sinalan ademais, que na Relación de Postos de Traballo (RTP) xa figuran como “persoal laboral indefinido” e que os seus postos de traballo xa están orzamentados para o vindeiro ano polo que aseguran que “non suporía un incremento das partidas orzamentarias” contempladas como gasto na consellaría de Medio Rural.
.
Xuntanza co Director Xerente de SODECO
.
Representantes do Comité e traballadoras/es sinalaron que estes foron os aspectos transmitidos ao Director Xerente de SODECO, Severino Álvarez Monteserín, con quen se reuniron esta mesma mañá e quen como toda resposta díxolles que “descoñece o futuro dos centras comarcais no que respecta ao seu persoal” pero que, en todo caso se remitía ás declaracións realizadas polo conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, no Parlamento.
.
O Comité de Empresa agarda recibir resposta á súa solicitude de entrevista co Director Xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, que é ademais conselleiro delegado de SODECO e ten solicitada tamén unha xuntanza co conselleiro, da que agardan resposta.
.
Ademais xa se entrevistaron cos grupos parlamentarios. A este respecto explicaron que Tereixa Paz, do BNG, xa fixo unha pregunta en Comisión ao conselleiro de Medio Rural, a este respecto e que agardan a resposta do PP e do PSOE, que se comprometeron, o primeiro a tratar o asunto no seu grupo e o segundo a falar cos outros dous grupos para presentar unha emenda conxunta.
.
Recortar gastos
.
As traballadoras dos centros comarcais aseguraron que non son responsábeis “da actual crise financeira que sofre o sistema, nin temos por que pagar a austeridade nas contas do actual goberno da Xunta, xa que pensamos que de recortar gastos pódese facer doutra maneira e non por medio de despedimentos”.
.
Por iso solicitaron dos tres grupos parlamentarios que emenden o texto da Lei de Acompañamento, para que se lles garantan as mesmas oportunidades que o resto dos compañeiros “logrando a estabilidade no emprego que, no seu momento nos vimos obrigadas a denunciar, tanto nos xulgados do social como na Inspección de Traballo ou nos diferentes medios de comunicación.
.
Neste sentido, Roberto Alonso, de CIG-Servizos denunciou que tras desta situación agóchase a intención da Xunta de Galiza de recortar gastos a través dos despedimentos e impoñendo medidas como a redución do 5% nos salarios dos empregados/as públicos/as. Unha medida que casualmente, no caso de SODECO, ven de ser anulada polo propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
.
Alonso cuestionou que fronte a isto, non se adoptan outras medidas, como eliminar o famoso “plus de altos cargos” e denunciou que, casualmente as máis afectadas son mulleres, como ocorre neste caso (todas agás un). Por iso anunciou que se no debate parlamentario non se introducen modificacións no texto e se as traballadoras así o deciden, a CIG está disposta a iniciar mobilizacións.
.

Antonio Pais Andrade (UGT) - Xurxo Dorrego (Presidente Comité Empresa SODECO) - Ana González Miragaya (Xestora Centros Comarcais SODECO) - Roberto Alonso (CIG)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.