O Instituto de Estudos do Territorio integra a Dirección Xeral de
Sostibilidade o SITGA e a Comisión de Coordinación de Sistemas de
Información Xeográfica e Cartográfica
A Consellería de Medio Ambiente pon en funcionamento a partir do 7 de abril o Instituto de Estudos do Territorio
- O Consello Reitor reunido esta mañá
aprobou o plan de actuación deste organismo, no que se recollen os
obxectivos e os resultados previstos polo IET, xunto cos indicadores de
seguimento dos mesmos
- Este organismo nace co principal obxectivo
de reforzar a tarefa de asesoramento aos concellos en materia de
urbanismo, así como unha resposta áxil e eficaz, a través da utilización
eficiente dos recursos públicos, ás necesidades dos cidadáns e dos
equipos técnicos que traballan en cuestións relacionadas co territorio e
a paisaxe
- A posta en funcionamento representa un novo avance do
Goberno galego en prol da protección, mellora e ordenación do territorio
galego, ao tempo que se da resposta ao mandato legal incluído na Lei de
ordenación do territorio e Galicia
- Hernández recorda que para a
Xunta 2012 é o ano da paisaxe, posto que o Goberno galego está a poñer
en marcha unha serie de medidas integradas na Estratexia da Paisaxe de
Galicia
Santiago, 3 de abril de 2012.- O
conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín
Hernández, presidiu hoxe a reunión do Consello Reitor do Instituto de
Estudos do Territorio. (IET), onde se aprobou a proposta do Plan de
actuación desta entidade, documento que sinala a guía pola que se vai a
desenvolver a súa actividade. Este organismo, que asume as competencias
en materia de paisaxe; as de xestión da información con referencia
territorial; e os datos xeográficos, facilitará o intercambio de
información e a utilización dunha mesma base de referencia.
Na
proposta do Plan de actuación recóllense con detalle os obxectivos e os
resultados previstos polo Instituto de Estudos do Territorio, xunto cos
indicadores de seguimento dos mesmos. E, por suposto, se indican os
recursos persoais, materiais e orzamentarios para a súa consecución.
Así
pois, a partir do 7 de abril, o Instituto de Estudos do Territorio
traballará con plena operatividade e garantía xurídica, integrando as
competencias da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, a
Subdirección de Sistemas de Información Territorial de Galicia (é dicir,
o SITGA, ata o de agora incluído na Sociedade de Desenvolvemento
Comarcal), e a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información
Xeográfica e Cartográfica.
O Consello da Xunta tamén aprobará o
nomeamento de Manuel Borobio Sanchiz, actual director xeral de
Sostibilidade e Paisaxe, como director xeral do Instituto de Estudos do
Territorio, unha entidade que proverá a todos os departamentos de
aplicacións e utilidades para a xestión e análise da información do
territorio. O Instituto ten tamén como principal obxectivo estratéxico o
de impulsar, xerar e divulgar coñecemento en materia de territorio,
paisaxe e sostibilidade.
Segundo manifestou o conselleiro
Hernández, o traballo realizado durante estes tres anos no eido do
territorio son o camiño a seguir para acadar os éxitos e obxectivos
logrados. Recordou que coa aprobación do Plan de Ordenación do Litoral e
das Directrices de Ordenación do Territorio, Galicia cumpriu unha
asignatura pendente, dispor por primeira vez dunhas regras do xogo
claras e definidas, dun marco normativo estable que ordene o territorio e
protexa o litoral de forma efectiva. Coa aprobación desas dúas
ferramentas completouse a planificación territorial e definíronse os
documentos que guiarán a xestión territorial e a ordenación territorial
de Galicia para o próximo medio século.
Por outro lado, recordou
que dende a Xunta de Galicia deféndese o ano 2012 como ano da paisaxe,
posto que o Goberno galego está a poñer en marcha unha serie de medidas
integradas na Estratexia da Paisaxe de Galicia, co fin de protexer e
preservar os elementos mais significativos e característicos das
diferentes paisaxes da Comunidade Autónoma; ordenar a través de accións
tendentes a mellorar, restaurar ou rexenerar as paisaxes; e xestionar
dende unha perspectiva de uso sostible do territorio mediante
iniciativas que guíen as transformacións provocadas polos procesos
sociais, económicos e ambientais.
O Instituto de Estudos do
Territorio reforzará a tarefa de asesoramento aos concellos en materia
de urbanismo, así como unha resposta áxil e eficaz, a través da
utilización eficiente dos recursos públicos, ás necesidades dos cidadáns
e dos equipos técnicos que traballan en cuestións relacionadas co
territorio e a paisaxe.
Natureza e funciónsO
Instituto de Estudos do Territorio creouse como organismo autónomo de
carácter administrativo que ten por obxecto a análise, o estudo e o
asesoramento das administracións autonómica e municipal en materia de
urbanismo, a ordenación do territorio e a protección e xestión da
paisaxe. Entre as súas funcións destacan:
• Realizar traballos de investigación, análise, estudo e difusión sobre urbanismo e ordenación do territorio.
•
Prestarlles asistencia e asesoramento aos concellos de Galicia para a
elaboración do planeamento urbanístico e a xestión e execución do
planeamento.
• Prestarlle apoio á consellaría competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.
•
A compilación e o tratamento da información do territorio galego, así
como a produción cartográfica para as diferentes consellerías e
organismos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Os órganos
de goberno deste organismo serán a Presidencia, que lle corresponderá á
persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do
territorio e urbanismo; e o Consello Reitor, que é o órgano colexiado
de goberno integrado pola presidencia, vicepresidencia, secretaría e
sete vogais.
En relación coa súa estrutura administrativa destacan
o Departamento Xestión Xurídico-Administrativa, que centralizará toda a
labor relativa a dita denominación; e o Departamento Técnico de
Estudos, no que se integrarán o Servizo de Planificación da Paisaxe, o
Servizo de Coordinación e Información Territorial e o Servizo de Estudos
respectivamente
Coa posta en marcha do Instituto de Estudos do
Territorio, o departamento que dirixe Agustín Hernández, avanza un paso
máis no camiño da protección do territorio, unha política de actuación
que xa deu grandes froitos como a aprobación do Plan de Ordenación do
Litoral e as Directrices de Ordenación do Territorio, así como a
modificación da Lei do Solo. Todo isto é proceso do traballo que está a
levar a cabo o Goberno galego, avanzando nunha fase máis en prol da
protección, mellora e ordenación do territorio galego, ao tempo que se
da resposta ao mandato legal incluído na Lei de ordenación do territorio
e Galicia.
FONTE: http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/nova/19962/conselleria-medio-ambiente-pon-funcionamento-partir-abril-instituto-estudos-territorio