2010/11/26

A FUSIÓN DE 'CHIRINGUITOS' XA ELIMINOU 103 EMPREGOS

.

Feijóo gábase de estarse a “anticipar a Europa” coa supresión de parte da Administración paralela


O Consello da Xunta tivo onte novamente sobre a mesa un informe sobre a marcha do plan co que o Goberno galego pretende “adelgazar” a Administración paralela, os popularmente coñecidos como “chiringuitos” e que, segundo recoñece o presidente, Alberto Núñez Feijóo, xa supuxo a “extinción” de 103 contratos. Estes contratos, di Feijóo, deixaron de ser “necesarios” coa “racionalización” da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico, un ente creado polo Goberno de Manuel Fraga en 1996 e impulsado pola Consellería de Innovación de Industria do bipartito no que o Xulgado do Social de Santiago detectou “represión sindical” sobre, cando menos, 14 traballadores, despedidos despois de térense achegado á Confederación Intersindical Galega (CIG) para organizar as eleccións sindicais.

Alén do controvertido proceso vivido neste organismo, Feijóo asegura que ofrecerá todos os datos referidos aos postos de traballo eliminados no momento en que finalice o proceso de recorte de chiringuitos, que actualmente xa ten en proceso de “liquidación” seis entes, entre os que se atopan a Fundación para a Sociedade do Coñecemento, impulsada polo ex presidente, Emilio Pérez Touriño, a Axencia Humanitaria de Galicia ou a Fundación Galicia Emigración.

Do mesmo xeito, foron xa completados os trámites da extinción do Servizo Galego de Igualdade, fortemente criticada por PSdeG e BNG, e da venda das accións da Sociedade Galega de Servizos Sociais (Sogaserso), entidade que xestiona, entre outros, centros de asistencia a persoas maiores que agora depende da caixa resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova.

A fin da sociedade que xestiona o Banco de Terras, a disolución do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar ou a fusión por absorción do Centro Tecnolóxico Lácteo no Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo forman tamén parte do plan que, segundo o presidente da Xunta, mostra que a Xunta se está a “anticipar a Europa” no que a racionalización administrativa se refire, nun proceso que prevé tamén a fin das Fundacións Comarcais, xa prevista polo bipartito.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.