2009/10/30

AGRADECEMENTOS

Unha vez rematado o proceso electoral coa comunicación dos resultados á Delegación de Traballo xa temos a nova composición do Comité de Empresa, que será proximamente constituído.

Celebramos a altísima porcentaxe de participación, do 93%, que dá idea da importancia que para todos ten a representación legal dos traballadores e que chega nesta ocasión coa boa nova dunha pluralidade de xeitos de ver e afrontar os problemas de todos. E a primeira vez que teremos no Comité tres representacións sindicais distintas e un número de membros de 9, e isto é sen dúbida moi positivo.

Queremos resaltar o apoio outorgado á nosa lista, do 37%, e agradecer a todos aqueles que nos votastes o día 28 e que depositastes a vosa confianza en nos, que trataremos de respostar con traballo. Podedes estar seguros de que tentaremos non defraudarvos.

Felicitamos desde aquí a todos os candidatos elixidos, de todas as listas, e desexámoslles moita sorte nesta nova etapa que se inicia.

Agradecemos tamén especialmente ao Presidente da Mesa Electoral o seu excelente traballo neste cometido e os seus esforzos realizados, que nos constan, para facilitar o correcto desenvolvemento do proceso.

Un saúdo,

RESULTADO DAS ELECCIÓNS - SODECO 2009

DATOS

Electores 121

Representantes 7

Votantes 112

  • Votos a candidatura 99
  • Brancos 3
  • Nulos 10

Abstención 9

Participación 92.5 %



REPARTO

CIG Votos 38 Elixidos 3
UGT Votos 38 Elixidos 3
CCOO Votos 23 Elixidos 1

2009/10/29

Nota Xunta: A XUNTA APROBARÁ DOUS PROXECTOS DE LEI PARA INCREMENTAR OS ESFORZOS DE FISCALIZACIÓN DA ADMINISTRACIÓN PARALELA

A Xunta aprobará dous proxectos de lei para incrementar os esforzos de fiscalización da administración paralela

Rueda avanza que o Goberno galego analiza polo miúdo 58 organismos para determinar se é precisa a súa eliminación ou modificación

Santiago, 28 de outubro de 2009.- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, avanzou hoxe na Cámara galega que a Xunta aprobará dous proxectos de lei para incrementar os esforzos de fiscalización e de seguimento da evolución dos organismos da coñecida como Administración paralela.

Nunha resposta parlamentaria, Rueda anunciou unha Lei do Sector Público, co obxectivo de avaliar a creación de entes con personalidade xurídica propia e facer un seguimento da súa xestión e réxime financeiro. Así mesmo, o Goberno galego impulsará unha nova Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario para incluír nos orzamentos unha serie de fundacións e consorcios ata este momento non integradas.

O titular de Presidencia considerou que é momento de impulsar unha reforma en positivo da Administración paralela, procurando maiores niveis de eficiencia e transparencia na súa xestión. O obxectivo é evitar a duplicidade de gastos e a tendencia a externalizar servizos cando poden ser realizados pola propia Administración autonómica.

Con ese obxectivo o Goberno galego leva a cabo nestes momentos un proceso de avaliación do conxunto de organismos dependentes da Xunta, para adecuar esta rede de organismos ás necesidades reais da xestión pública. Na actualidade, hai 145 organismos fóra da estrutura administrativa da Xunta, entre organismos autónomos, entidades de dereito público, sociedades mercantís, fundacións, consorcios, axencias e outros órganos.

Á vista dos resultados do inventario realizado, estase a aplicar un plan de avaliación para inspeccionar polo miúdo 58 destes organismos, de tal xeito que a finais de ano haberá unha proposta de racionalización que recolla cales deses organismos deben ser suprimidos, cales reducidos na súa estrutura, sobre cales procede a súa refundición e cales deben ser mantidos na súa anterior estrutura.

Enaxenación de vehículos
Por outra banda, e en resposta a outra pregunta parlamentaria, o conselleiro da Presidencia recordou que o proceso de alleamento de 23 vehículos de alta gama forma parte dun Plan global de restructuración do parque móbil, que permitirá un aforro dun 25% nos custes de funcionamento do parque.

Alfonso Rueda destacou a transparencia do proceso de venda dos vehículos de alta gama e recordou que non son necesarios, dada a redución de altos cargos do Goberno. Por iso, fíxose unha permuta de tres dos vehículos por 12 vehículos adaptados para fins sociais e sacáronse outros 20 a subhasta, alleándose por este sistema outros tres vehículos.

O titular de Presidencia deixou claro que a Xunta non malvenderá os 17 vehículos restantes e, nese sentido, avanzou que servirán para abaratar a compra de novos vehículos para o parque móbil, dentro dun programa de renovación da flota actual que busca a racionalización do parque móbil e un abaratamento dos custes, incrementando a eficacia e eficiencia do servizo.

Data: 19:47 - 28/10/2009
Áreas temáticas: Área de Administracions Publicas
Fonte: Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza


Noticia publicada na Web da Xunta de Galicia
Publicación da iniciativa, BOPG núm. 66, do 03.09.2009

2009/10/26

NOTA FINAL DE CAMPAÑA

Como ben sabedes o día 22 de outubro aparece unha nota anónima co título “Sobre a Asamblea de revogación”, nota que non asina ninguén, pero que no derradeiro parágrafo deixa moi claro quen a escribe e distribúe.

A día de hoxe entendemos que tanto os promotores da recollida de sinaturas para convocar a asemblea de revogación como os propios candidatos das centrais sindicais UGT e CCOO comparten e pensan o que nela se di. Non sabemos polo de agora si o resto de asinantes tamén son da mesma opinión.

Na nota arguméntanse as razóns polas que tanto promotores da revogación, candidatos de UGT e CCOO as eleccións sindicais do día 28 de outubro e as propias centrais sindicais (UGT e CCOO), deciden non levar a cabo a devandita asemblea.

Como é posible que se poida afirmar isto, cando o día 14 de outubro de 2009 se envía via fax á Oficina Pública do Rexistro na Delegación Provincial da Consellería de Traballo e Benestar na Coruña a convocatoria de asemblea, para celebrar o día 26 de outubro de 2009 as 12:00 horas, acompañada dos nomes, apelidos, DNIs e sinaturas dos traballadores que convocan a asemblea?

Como é posible tendo en conta quen asina a convocatoria de revogación que ninguén coñeza a resolución da inspección de traballo á que fan mención?

Si, existe xa unha resolución. Pero non é de onte, non, o rexistro de saída do informe da inspección provincial de traballo e seguridade social na Coruña é do día 28 de setembro de 2009.

Neste derradeiro día de campaña facemos un chamamento a tod@s para que reflexionemos sobre o verdadeiramente importante nestas datas, coñecer cal é a situación da S.A. e sobre todo o seu futuro é o dos traballadores. Animámosvos a todos aqueles asinantes ou non asinantes da solicitude de expulsión dos vosos compañeiros Xurxo e Gonzalo do Comité e que en realidade pensabades que estabades pedindo outra cousa que se nalgún momento vos sentichedes enganados, manipulados ou simplemente utilizados, a que confiedes o voso voto á nosa lista, á CIG.

De todos nos vai depender ter uns representantes que si defendan os vosos dereitos, e para iso VOTADE A CANDIDATURA CIG o día 28 de outubro.

Se queredes mais información estamos a vosa disposición e tamén podedes consultar o noso blog http://cigsodeco.blogspot.com/, ou a través do correo electrónico cigsodeco@gmail.com.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2009

2009/10/15

PROGRAMA ELECCIÓNS SINDICAIS 2009 SODECO



PRESENTACIÓN



A CIG preséntase de novo ás eleccións ao Comité de Empresa da S.A. para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia cunha sólida candidatura co criterio de dar cabida a traballadoras e traballadores que se sumen e participen na defensa dos intereses e dereitos do persoal da Sociedade.

Levamos xa sete anos presentes no Comité de Empresa, nos que imos pola cuarta dirección de empresa diferente, cos atrancos que iso supón á hora de chegar a acordos. En todo este tempo a CIG sempre estivo presente, tras diversas eleccións e cambios de goberno.

A CIG configúrase como a única alternativa seria e con experiencia para cubrir os postos do Comité, a única alternativa que, lonxe de tombos e cambaleos, mantivo sempre a súa mesma liña de traballo que non é outra que a de procurar sempre a mellora das condicións laborais das traballadoras e traballadores da Sociedade.

A nosa intención é a de seguir traballando para buscar puntos de encontro e achegar posturas coa dirección da empresa, co obxectivo de atopar solucións que satisfagan a todas e todos.

Dende logo O TEU VOTO é necesario para apoiar esta alternativa que novamente presentamos e para contar co respaldo suficiente para poder seguir traballando.



PROGRAMA E OBXECTIVOS


1.- SEGUIMENTO DO DESENVOLVEMENTO DA LEI 12/2008

Como sabedes a Lei 12/2008, do 3 de decembro, pola que se modifican a Lei 7/1996, do 10 de xullo,de desenvolvemento comarcal, e a Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, e se racionalizan os instrumentos de xestión comarcal e de desenvolvemento rural, na súa Disposición Adicional Primeira autoriza ao Consello da Xunta a proceder á disolución da S.A. para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.

Esta Lei, vixente á día de hoxe atópase a espera do desenvolvemento normativo que indica a disposición derradeira segunda, Decreto do que o Comité de Empresa xa emitiu informe favorable con algunhas matizacións o pasado 2 de febreiro. Deste informe nunca máis se soubo. A nova dirección, catro meses despois da súa toma de posesión, aínda non se reuniu cos representantes dos traballadores, situación que agardamos que remate coa constitución do novo Comité de Empresa saínte deste proceso electoral.

Velaquí un obxectivo prioritario desta terceira etapa: a CIG estará presente nas negociacións e novas situacións que se formulen para o futuro inmediato xa non das condicións laborais tan só, senón da propia supervivencia ou definitiva desaparición da empresa á que agora pertencemos.


2.– CONSOLIDACIÓN DAS PRAZAS APROBADAS

Xestor/a dos centros comarcais
Nestes dous últimos anos, e tras un longo proceso de negociacións sindicais levado a bo fin íntegra e exclusivamente pola CIG, foron creadas 21 novas prazas de xestor/a dos centros comarcais. Estas prazas atópanse ocupadas na actualidade por compañeiras e compañeiros con contratos indefinidos non fixos, co acordo de proceder á súa convocatoria.

É obxectivo prioritario da CIG reclamara definitiva consolidación destes postos de traballo mediante o seu oportuno concurso-oposición, demora que non se xustifica posto que todas as prazas están aprobadas, orzamentadas e incluídas na RPT vixente.

Técnico superior de estudos
Existe outra praza na RPT que se atopa ocupada por unha compañeira cun contrato de interinidade. Reclamaremos da dirección que se convoque tamén o seu oportuno concurso-oposición para a súa consolidación.


3.– ESTABILIDADE LABORAL

Dende a CIG non admitimos a alta porcentaxe de temporalidade existente na empresa. Aínda que esta porcentaxe foi reducida en termos absolutos nos últimos anos coa aprobación das prazas de xestor/a dos centros comarcais é certo que na sede da Barcia esta non fixo senón aumentar. O emprego por obra ou servizo terá un seguimento importante na exixencia de avanzar na súa redución pola vía do recoñecemento da necesidade da creación de novas prazas.


4.– FORMACIÓN

A formación continua das traballadoras e traballadores é fundamental para unha empresa. Dende a CIG retomaremos a posta en marcha dun Comité de Formación que valore as necesidades reais de formación.


5.– FONDO DE ACCIÓN SOCIAL

Continuaremos co obxectivo da creación dun fondo de acción social que contemple axudas necesarias no ámbito social e persoal dos traballadores e traballadoras da empresa, sen facer distinción entre postos indefinidos ou eventuais, como si fan noutros organismos públicos galegos onde non está a CIG presente, e onde os temporais non teñen posibilidade de acceso á totalidade do fondo.


6.– PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS

Seguirase fortalecendo o Comité de Seguridade e Saúde, que incrementa agora o seu número a seis membros, tres Delegados de Prevención e tres representantes da empresa.

CANDIDATURA CIG - 2009



SODECO
28 DE OUTUBRO DE 2009


A NOSA CANDIDATURA

Roberto Blanco Martínez
SITGA

Carolina Sevilla Carbón
Centro Comarcal de Ordes

Ana Isabel Paz Villar
Centro Comarcal do Ribeiro

Patricia Fraga Rodríguez
Dinamización Comarcal

Adoración Vázquez Yánez
Centro Comarcal de Terra de Caldelas

Daniel Abad Gómez
Centro Comarcal do Salnés

María Monserrat García Bande
Centro Comarcal do Carballiño


SUPLENTES

Montserrat Silva Pazos
Centro Comarcal de Tabeirós - Terra de Montes

Evangelina Rodríguez Casas
Centro Comarcal de Terra de Celanova
 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.