2010/11/11

Denuncian que a Xunta non prevé a recolocación das traballadoras dos centros comarcais integrados en SODECO (VIDEO)

 

 Antonio Pais Andrade (UGT) - Xurxo Dorrego (Presidente comité de empresa SODECO) - Ana González Miragaya (Xestora Centros Comarcais) - Roberto Alonso (CIG)

.
As traballadoras dos diferentes Centros Comarcais, integrados na Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal (SODECO), queremos denunciar que actualmente a decisión da Xunta de disolver esta Sociedade pode ter graves consecuencias para os nosos postos de traballo por canto na Lei de Acompañamento dos orzamentos 2011 se regulan as distintas posibilidades de integración do personal que presta servicios nesta sociedade, pero non se establece alternativas para a nosa recolocación, tendo todas contrato indefinido sen cobertura definitiva do posto de traballo.

Temos que dicir que a nosa situación produciuse por unha serie de irregularidades laborais que se deron anteriormente coas empresas subcontratadas que xestionaban estes centros comarcais, declarándose tanto por parte da Inspección de Traballo como polo Xulgado do Social, unha cesión ilegal de traballadores, tendo que convertir os nosos contratos temporais en indefinidos para posteriormente pasar a formar parte da plantilla da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal.

No artigo 16 da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas (Lei de Acompañamento dos orzamentos 2011), que se está a debater nos orzamentos de Galicia fálase da reorganización dos instrumentos de xestión da Xunta de Galicia no eido do desenvolvemento rural, e regúlanse as distintas posibilidades de integración do personal que presta servicios para a citada sociedade, dentro da Axencia de Desenvolvemento Rural.

Porén, non se fai alusión á integración na devandita Axencia do persoal con contrato indefinido sen cobertura definitiva do posto, sendo ese o noso caso. O caso da non integración.

Por iso, denunciamos que para dar cumprimento ao principio constitucional de igualdade debería regularse a integración de todo o personal, xa que entendemos que do contrario, se estaría a vulnerar un dereito adquirido por nós, dereito, que como xa dixemos, conseguiuse por Sentenza Xudicial e a condición de indefinidas e posteriormente a outra parte asinou un Acordo de Recoñecemento dos seus Dereitos Laborais, nos que se contempla expresamente a condición de traballadoras contratadas por tempo indefinido adquirindo “tanto uns como outros, a condición de personal laboral fixo de plantilla de superar o proceso selectivo que regulamentariamente se convocase ao efecto”. Un proceso que aínda non se convocou, descoñecendo os motivos de porqué non se fixo, esa non convocatoria.

Sinalamos ademais, que na Relación de Postos de Traballo (RTP) xa figuramos como “personal laboral indefinido” e que os nosos postos de traballo xa están orzamentados para o vindeiro ano polo que “non suporía incremento das partidas orzamentarias” contempladas como gasto na consellaría de Medio Rural.

En canto a xuntanza que mantivemos hoxe co Director Xerente de Sodeco, Severino Alvarez Monteserín, tanto os nosos representantes do Comité de Empresa como as diferentes compañeiras transmitímoslle ao Director Xerente de SODECO, Severino Alvarez, a nosa situación e mantemos unha xuntanza hoxe pola mañan con el. Nesta xuntanza comunícanos que aínda que el descoñece o futuro dos Centros Comarcais, no que concerne ao seu persoal remítenos ás declaracións do Conselleiro do Medio Rural Samuel Juárez no Parlamento.

Tamén o Comité de Empresa agarda recibir resposta á súa solicitude de entrevista co Director Xeral de Desenvolvemento Rural, Don Antonio Crespo, que é ademais conselleiro delegado de SODECO, igualmente temos solicitada unha reunión co Conselleiro Samuel Juarez da que agardamos resposta.

Tamén nos entrevistamos cos grupos parlamentarios. A deputada do BNG, Tereixa Paz, xa fixo unha pregunta en Comisión o conselleiro de Medio Rural, e a este respecto estamos agardando a resposta do PP e do PSOE, quen se comprometeron, os primeiros a tratar o asunto no seu grupo e os segundos a falar cos outros dous grupos para presentar unha emenda conxunta.

Onte o grupo parlamentario Popular comunicounos que aínda non tomou ningunha decisión.

As traballadoras dos centros comarcais non temos a culpa da actual crise financeira que sufre o sistema, nin temos porqué pagar a austeridade nas contas do actual goberno da Xunta, xa que pensamos que recortar gastos pódese facer doutra maneira e non mediante despidos.

Por todo o anterior solicitamos dos grupos parlamentarios do PP, PSOE e BNG que emenden o texto da normativa que se está a debater no Parlamento tendo as mesmas oportunidades que o resto dos compañeiros, logrando a estabilidade no emprego que no seu momento nos vimos obrigadas a denunciar tanto nos Xulgados do Social, como na Inspección de Traballo como nos diferentes medios de comunicación.
.
.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.