2010/10/19

A XUNTA APROBA, CO AVAL DO CSI-F E UGT, A MOBILIDADE FORZOSA E O LDdïsmo NA FUNCIÓN PÚBLICA GALEGA

.
FONTE: CIG-Autonómica 




Entre as modificacións mantense a mobilidade forzosa a través da adscrición de postos de traballo a chiringuitos e o nomeamento a dedo de máis de 300 xefaturas de servizo.
Na Comisión de Persoal da Administración Autonómica celebrada o 18/10/2010 aprobouse un Anteproxecto de Lei de Orzamentos que mantén varias modificacións polémicas e regresivas dos dereitos do persoal da Xunta consagrados na Lei de Función Pública de Galicia.
A CIG-Autonómica entende que estas modificacións están destinadas a deseñar unha Administración Pública ao servizo de intereses políticos que supón unha degradación da Función Pública galega e un atentado contra os dereitos do persoal funcionario da Xunta de Galicia. A modificación da Lei de Función Pública, co visto bo de CSI-F e UGT, deixa os nosos dereitos en mans de decisións políticas. A saber: 1) o dereito a inamobilidade e 2) a carreira profesional. Tal e como está a modificación, a Xunta segue tendo a posibilidade de ningunear os efectos dos concursos de traslados e mover forzosamente unidades enteiras a outros órganos ou incluso entidades da administración paralela. Por outra banda, os postos de xefatura de servizo recuperan definitivamente o seu método de provisión por LD, un sistema  reaccionario, que non garante os principios de mérito e capacidade, limitando así a carreira administrativa para quen non ten padriño ou madriña.

MOBILIDADE FORZOSA
Despois dunha semana onde a Xunta pretendeu escenificar unha falsa negociación, acceden a modificar a redacción do artigo onde se contemplaba a mobilidade forzosa. Compre dicir que a Xunta nunca facilitou unha relación de unidades deficitarias de persoal nin un estudo que avalase as súas afirmacións.
Nun primeiro momento se contemplaba a mobilidade forzosa da persoa a outros postos e localidades coa posibilidade de voltar ao posto de orixe. A modificación aprobada hoxe contempla a posibilidade de que a Xunta non só mova á persoa funcionaria senón tamén o seu posto co cal o cambio sería permanente e non habería retorno.
Esta facultade comprende a posibilidade de adscribir postos de traballo das diferentes consellarías, delegacións e localidades a outras distintas e incluso o poder adscribir o posto de traballo a Axencias e entidades da Administración Paralela, dos chiringuitos.

XEFES/AS DE SERVIZO NOMEADOS A DEDO
Durante o actual mandato do Partido Popular, a Administración seguiu a manter que existiría un concurso específico para optar ás Xefaturas de Servizo por parte do persoal funcionario dos grupos A1 e A2, tal e como marcaba o Acordo asinado entre a Administración do anterior goberno e as organizacións sindicais.
Este acordo e a súa execución rematarían coa discrecionalidade no nomeamento destes postos, dando a oportunidade a todo o persoal funcionario que cumprisen os requisitos de poder optar a eles. O froito deste acordo sería unha Administración máis democrática onde primarían os méritos técnicos sobre a afinidade política gañando a Administración en calidade e eficacia.
Despois de manter a mentira durante ano e medio a Xunta opta por voltar aos tempos escuros da Era Fraga e apostar outra vez pola afinidade política para conceder eses postos que son de carácter eminentemente técnico. Un fraude para toda a poboación galega en xeral e para o persoal da Xunta en particular.
Ademais, esta modificación non abre só as Xefaturas de Servizo á libre designación senón que contempla a posibilidade de facelo con outros postos de nivel inferior.

En definitiva, esta reforma parte dunha imposición que non foi negociada realmente e ten un significado político claro, controlar politicamente a estrutura técnica superior dos departamentos nomeando a persoas afíns ao Partido Popular e ter as mans libres para mover ás persoas funcionarias a onde se considere sen ningún atranco.
Dende a CIG-Autonómica consideramos gravísimo que dúas centrais sindicais se preguen a imposición de Feijoo, imposición que deteriora o emprego público, que politiza no sentido máis perverso da palabra a Administración galega, que sementa a arbitrariedade como criterio dos nomeamentos, e que pon en perigo a carreira profesional e a estabilidade das empregadas e empregados públicos.

Documentos relacionados:

Proposta achegada á Comisión de Persoal do 18/10/2010 (en vermello cambios respecto á proposta incial)
Proposta inicial. 11/10/2010.

FONTE: CIG-Autonómica

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.