2010/10/04

ACTA DA SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DO COMITÉ DE EMPRESA DA SOCIEDADE PARA O DESENVOLVEMENTO COMARCAL DE GALICIA DO 30 DE SETEMBRO DE 2010

 .
.
ACTA DA SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DO COMITÉ DE EMPRESA
DA SOCIEDADE ANÓNIMA PARA O DESENVOLVEMENTO COMARCAL
DE GALICIA DO 30 DE SETEMBRO DE 2010
ACTA 11/2010

NON APROBADA

ASISTENTES:

Pola CIG:
Manuel Jorge Dorrego Taín
Gonzalo González Bernárdez
Roberto Blanco Martínez
Ana Isabel Paz Villar

Por UGT:
Dominique Aller González
Inmaculada Serantes Durán
María Elena Bernárdez López

Por CCOO:
María Dolores Rodríguez Campos

En Santiago de Compostela, sendo as 13:00 horas do día 23 de setembro de 2010, reúnese en sesión ordinaria o Pleno do Comité de Empresa no centro de traballo da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia coa asistencia das persoas anteriormente relacionadas, segundo a seguinte orde do día:

Punto primeiro.- Lectura e aprobación, se procede, da acta da reunión anterior
Punto segundo.- Análise do estado do anteproxecto de lei
Punto terceiro.- Análise do estado dos cursos de formación
Punto cuarto.- Achegas e preguntas

Punto primeiro:
Foi lida e aprobada por unanimidade a acta da reunión anterior.

Punto segundo:
O Secretario repasa a situación do anteproxecto de lei indicando que en data 10 de xuño de 2010 a dirección da empresa solicita do comité de empresa informe sobre o borrador do anteproxecto de lei. O 15 de xuño o comité envía solicitude ao Conselleiro Delegado para que aclare certas dúbidas sobre o texto, petición que non foi atendida. Finalmente, o 23 de xuño o Comité entrega a empresa un informe desfavorable xunto cun texto de alegacións e solicitudes de modificación. Desde esa data non houbo ningunha outra
comunicación oficial por parte da empresa.

Gonzalo González indica que en data 12 de xullo CIG comunica aos traballadores a existencia dun novo borrador de texto publicado na web oficial da Consellería de Medio Rural, distinto do inicialmente presentado. UGT e CCOO decláranse coñecedores dese novo borrador de anteproxecto.

Gonzalo González informa que foi avisado de que as Fundacións Comarcais recibiran nas últimas semanas un borrador do anteproxecto. UGT e CCOO declaran non ter información disto. Para confirmalo indica que foi falar co Director Xerente como membro do comité de empresa, como un máis do comité de empresa e non como secretario do mesmo e informa que o Director Xerente indicou que as Fundacións Comarcais recibiron oficialmente o borrador do anteproxecto porque anteriormente non todas o recibiran, pero que este borrador é o mesmo que o que estivo publicado na web de Medio Rural. O Director Xerente tamén indicou que se lle enviará oficialmente ao Comité pero non sabe cando.

CIG indica que dispón do suposto texto enviado ás Fundacións e o ofrece a UGT e CCOO por se o queren coñecer. Inma Serantes indica que non lles interesa se é o mesmo que se publicou na web de Medio Rural. CIG indica que non é exactamente o mesmo texto, polo que UGT e CCOO declaran o seu interese en coñecelo, ante o que CIG pon a disposición de todo o Comité este novo borrador, remarcando a súa non oficialidade.

Inma Serantes expón que non lle pareceu ben que Gonzalo González fose falar co Director Xerente como membro do Comité de Empresa sen antes comunicalo aos demais membros do Comité. Gonzalo González explica que foi falar co Director Xerente como un membro máis do comité, como un traballador máis e para confirmar un rumor, non indo en ningún momento en representación do Comité.

Acórdase por unanimidade aprazar esta cuestión ata unha nova sesión do Comité que se convocará para o vindeiro 7 de outubro de 2010.

Punto terceiro:
M. Dolores Rodríguez fai entrega da documentación da proposta de formación que lle foi enviada por Recursos Humanos.

Analizada a proposta, acórdase solicitar máis información, para o que se designan como encargados a Gonzalo González, Inma Serantes e M. Dolores Rodríguez. Continuarase esta cuestión na vindeira sesión plenaria.

Punto cuarto:
Dominique Aller, M. Dolores Rodríguez e Gonzalo González indican que foron informados por Juan José Alonso da chegada á empresa da citación para o xuízo pola demanda en conflito colectivo, fixado para o vindeiro 6 de outubro de 2010 no TSXG.

O Secretario indica que o Comité de Empresa aínda non foi oficialmente citado.

Dominique Aller pregunta por que aparece como demandante CIG e por que aparecen como demandados os sindicatos UGT e CCOO. CIG indica que CIG aparece como demandante porque así o acordaron os tres servizos xurídicos dos sindicatos CIG, UGT e CCOO, como así se lles pediu tras o acordo da sesión plenaria do 23 de xullo de 2010. Por último CIG indica que preguntará á súa asesoría xurídica da razón de aparecer os sindicatos UGT e CCOO como demandados, pero que probablemente se trate dun formulismo xurídico, así como que a demanda foi coñecida polos tres sindicatos antes de ser presentada e que CCOO xa se adheriu plenamente a ela no acto de conciliación celebrado na Dirección Xeral de Relacións Laborais o pasado 5 de agosto, non así polo de agora UGT ao non presentarse ao acto a pesar de estar convocada.

Dáse por finalizada a sesión ás 14:00h. En proba de conformidade todos os asistentes asinan a presente Acta no lugar e data recollidos no encabezamento desta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.