2010/10/13

COMUNICADO CIG. MODIFICACION DA LEI DE FUNCIÓN PUBLICA DE GALICIA

Comunicado URXENTE ante a proposta de modificación da Lei de Función Pública de Galicia. 
Anuncios - Anuncios importantes  
Escrito por Anxo Anta   
Martes, 12 Outubro 2010 13:41
A posibilidade de mandar en calquera momento a calquera recuncho do país ao persoal funcionario e a elección a dedo das xefaturas de servizo, son as medidas “estrela” da Xunta de Galicia para loitar contra a crise dende a Función Pública Galega.

O día 13 de outubro ás 13.00h nas portas da EGAP (onde se celebrará a Mesa Xeral) haberá unha concentración-protesta de delegadas/os CIG ás que convidamos a sumarse aos demáis sindicatos e a todas as persoas implicadas que poidan achegarse.

O luns 11 de outubro de 2010, a Dirección Xeral da Función Pública achegaba ás organizacións sindicais unha proposta de modificación da Lei da función pública, que se tratará durante só unha hora nunha xuntanza o mércores día 13, xunto coas RPT de dúas consellarías. Sen tempo material para a exposición pública, para o debate democrático do documento e cunha inaceptable falta de consideración ao conxunto das empregadas e empregados públicos galegos, a Administración galega pretende aprobar unha reforma reaccionaria da Lei de Función Pública pola porta de atrás. Está previsto aprobar estas moidificacións a través da Lei de acompañamento da Lei de orzamentos de 2011, entrando deste modo en vigor o 1 de xaneiro.

Entre a batería de modificacións propostas, destacan dúas en particular polo seu carácter reaccionario e polo inmenso prexuízo que supoñen para a ordenación da Función Pública Galega:

Mobilidade forzosa “á carta” do persoal da Administración

No artigo 30 bis establécese a mobilidade forzosa do persoal da Administración, cuns criterios abertamente arbitrarios, "por necesidades do servizo ou funcionais". Deste xeito, o persoal funcionario poderá ser trasladado forzosamente de localidade e incluso a calquera dos tantos entes da administración paralela que se prevén crear nun futuro próximo (as axencias, por exemplo). No texto proposto, para estes traslados, non se garanten nin a identidade de retribucións nin as condicións esenciais de traballo do persoal.

A proposta da Administración son dous sistemas de traslado forzoso: un sistema ordinario, a través de comisión de servizos forzosa por un período de até nove meses, e un sistema extraordinario, a través da modificación na RPT da adscrición do posto de traballo.
As Xefaturas de Servizo serán de libre designación
No artigo 30 reintrodúcese o sistema de libre designación para os postos de nivel 28 (Xefaturas de Servizo), eliminando a forma de provisión por concurso que fora aprobada por unanimidade no parlamento galego na lexislatura anterior. Deste xeito, péchase desde arriba a posibilidade de promoción profesional a través de méritos obxectivables e substitúese pola designación política dos responsables das unidades. Introdúcese ademais neste artigo 30 o concepto indeterminado de "dipoñibilidade horaria" para todos os postos de libre designación.

Por outra banda, recoñécese a integración na Xunta do persoal de libre designación que veña doutras administracións, feito este que permite que o “dedo máxico” cree unha Administración aínda máis politizada.

Desde a CIG-Autonómica rexeitamos calquera reforma que afecta a máis de 21.000 traballadores que se realice sen debate previo. En canto ao fondo do asunto, non podemos quedar parados ante unha proposta que, coa excusa da crise económica, por un lado precariza a figura do empregado público, e polo outro consolida a discrecionalidade política (e non os criterios obxectivos) como ferramenta para dirixir o funcionamento da administración.
Polo noso posto de traballo, polo noso dereito á mobilidade voluntaria: deféndete, mobilízate!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.