2011/06/06

A XUNTA COMPLETA A EXTINCIÓN DE 42 ORGANISMOS INCLUÍDOS NO PLAN DE RACIONALIZACIÓN E PON EN MARCHA A SEGUNDA FASE

A XUNTA COMPLETA A EXTINCIÓN DE 42 ORGANISMOS INCLUÍDOS NO
PLAN DE RACIONALIZACIÓN E PON EN MARCHA A SEGUNDA FASE


  • O aforro duplica o estimado inicialmente e ronda os 21 millóns de euros
  • Galicia foi pioneira en apostar polo adelgazamento da Administración paralela
  • O II Plan de racionalización analizará outros 52 entes para buscar máis eficacia

O Consello da Xunta analizou hoxe o cuarto informe trimestral de seguimento da execución do Plan de racionalización dos organismos dependentes do Goberno galego, onde se destaca que, un ano despois da súa posta en marcha, se completou a eliminación dos 42 organismos que tiñan orde de extinción e se duplicou o aforro estimado inicialmente, chegando aos 20,9 millóns de euros.

Boa parte do aforro, ata o 60 por cento, provén dos 42 entes eliminados e dos outros 6 nos que se afrontou unha reestruturación, aínda que é de destacar que o outro 40 por cento –máis de 8 millóns de euros- provén das melloras introducidas nos outros 16 organismos avaliados nos que o plan apostaba pola súa continuidade, introducindo cambios para buscar unha maior eficacia e eficiencia.

Precisamente na procura desa maior eficacia e eficiencia na Administración paralela, o Consello da Xunta deulle hoxe o visto e prace á posta en marcha da segunda fase do Plan de Racionalización dos Organismos dependentes, unha vez está xa ultimada a primeira fase. Un proceso de avaliación no que Galicia foi pioneira, converténdose na primeira Administración do Estado en abordar un proceso integral de adelgazamento e racionalización da chamada Administración paralela.

Todo iso a través dun plan cuxa execución se iniciou en abril de 2010, que está a permitir evitar duplicidades, gañar eficiencia e eficacia e adecuar a dimensión e contidos da Administración galega ás necesidades actuais. Uns obxectivos que tamén persegue a segunda fase do plan, na que se avaliarán outros 52 organismos, da chamada Administración paralela, para concluír, se é preciso o seu mantemento, a súa reformulación ou á súa extinción.

Os organismos que se van analizar nesta segunda fase son o Consorcio Galicia 2005 ‘Volta ao mundo a vela’; os consorcios comarcais de servizos contra incendios do Carballiño-Ribeiro, A Limia, Valdeorras, Verín, Morrazo, Salnés, Baixo Miño, Condado e Louriña e Deza e Tabeirós; a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp); a Escola Galega de Administración Pública (Egap); o Instituto Galego de Cooperación Iberoamericana (IGACI); A Fundación Galicia Europa; o Consorcio Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) e os Xestur da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Tamén se analizarán nesta quenda a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada; Expourense; a Fundación Feiras e Exposicións de Lugo; a Fundación Feiras e Exposicións para o desenvolvemento de Galicia (Fexdega); a Fundación Instituto Feiral da Coruña (Ifeco); a Fundación Instituto Feiral de Vigo (Ifevi); o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA); o Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia (CEEI Galicia); Galicia Calidade; o Centro Oncolóxico de Galicia; a Fundación Galega de Medicina Xenómica; e as fundacións públicas Centro de Transfusións de Galicia, Escola Galega de Administración Sanitaria (FEGAS) e Urxencia Sanitaria 061; Instituto Galego de Oftalmoloxía; e Galaria, empresa Pública
de Servizos Sanitarios.

Así mesmo, a Xestión Plan Xacobeo SA; a Fundación Cidade da Cultura; o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA); a Fundación Centro tecnolóxico da Carne; o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA); a Xenética Fontao; o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR), a Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e Portos de Galicia, tamén serán obxecto de análise.

Por último, o Plan tamén avaliará o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI); a Estación de Inverno de Manzaneda; a Fundación Centro Tecnolóxico Téxtil; a Fundación Centro Galego do Plástico; os cursos internacionais Universidade Santiago de Compostela; o Centro Galego de Arte Contemporánea; o Consello de Xuventude de Galicia; a Fundación Escola Agrícola Pedro Murias e a Fundación Mar de Galicia.

Balanzo primeira fase
En canto aos entes incluídos na primeira fase do plan, procedeuse xa á extinción do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller; da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, das 34 fundacións comarcais, da Fundación Milenio; da Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola; da Axencia Humanitaria de Galicia; da Fundación Galega para a Prevención de Riscos Laborais; e da Fundación Galicia Emigración.

No caso do último que quedaba por suprimir, a Sociedade Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense S.A., autorizouse no Consello da Xunta do pasado 31 de marzo a súa absorción pola Sociedade Pública de Investimentos, estando prevista que a súa refundición neste organismo sexa plenamente efectiva este mesmo mes, coa inscrición da Escritura Pública no Rexistro Mercantil.

Reformulación e mellora
En canto ao resto de organismos, todo está ultimado para que o Consello da Xunta proceda á disolución do Bantegal e a asunción das súas competencias por parte de Agader; xa se teñen completados os trámites para que se poida completar a fusión por absorción da Fundación Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia (CETIL) no Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL); e formalizouse a separación da Xunta de Galicia da Sociedade Galega de Servizos Sociais (Sogaserso), mediante a venda ante notario das accións do Executivo galego na dita sociedade.

Finalmente, os organismos sometidos a procesos de reordenación son os que, pola súa estrutura e competencias, ofrecen unha maior complexidade, de tal xeito que as actuacións a levar a cabo neles se estenderán máis alá de 2011, tal e como estaba xa previsto no plan. Trátase da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA
QUE TIVO LUGAR EN SAN CAETANO,
O 3 DE XUÑO DE 2011,
BAIXO A PRESIDENCIA DO
SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO

Gabinete de Comunicación
San Caetano, s/n - 15704 Santiago de Compostela
Tel.: 981 541 238/42/51 - Fax: 981 541 252/41
Correo-e: gabinete@xunta.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.