2011/06/17

RESOLUCIÓN DO 16 DE XUÑO DE 2011, INTEGRACIÓN DO PERSOAL PROCEDENTE DAS FUNCADIÓNS NOS ENTES INSTRUMENTAIS DO SECTOR PÚBLICO

DOG Núm. 116                      Venres, 17 de xuño de 2011                                Páx. 15417

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, pola que se dá publicidade á proposta de integración do persoal procedente das fundacións de desenvolvemento comarcal nos entes instrumentais do sector público dependentes desta consellería.

O 16 de xuño de 2011, a comisión designada para a valoración dos méritos alegados polo persoal procedente das fundacións de desenvolvemento comarcal nos entes instrumentais do sector público dependentes da Consellería do Medio Rural, emitiu proposta de integración do dito persoal, de conformidade co previsto no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de xuño de 2011, publicado no Diario Oficial de Galicia do 6 de xuño.

De conformidade co previsto nese acordo, procede dar publicidade á dita proposta.

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a proposta de integración do persoal procedente das fundacións de desenvolvemento comarcal nos entes instrumentais do sector público dependentes da Consellería do Medio Rural, na páxina web e no taboleiro de anuncios da Consellería do Medio Rural.

Segundo. Poñer en coñecemento dos interesados que, contra a dita proposta, poderán presentar as alegacións que xulguen oportuno no prazo de sete días hábiles contados a partir do seguinte ao desta publicación.

As alegacións dirixiranse ao conselleiro do Medio Rural e presentaranse preferentemente no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou nos das delegacións territoriais ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Terceiro. Informar os interesados de que, de conformidade co previsto no punto 3 do anexo I do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de xuño de 2011, á vista das alegacións presentadas e realizadas, se é o caso, as oportunas correccións á priorización proposta aos interesados, o conselleiro do Medio Rural resolverá estimando ou desestimando a solicitude de integración e adscrición, así como sobre a puntuación asignada a cada participante. A resolución de integración, así como a puntuación asignada a cada participante, publicaranse na páxina web e no taboleiro de anuncios da Consellería do Medio Rural a partir do mércores día 29 de xuño.

A resolución ditada, segundo o disposto no punto anterior, porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro competente en materia de desenvolvemento rural, no prazo dun mes a partir da publicación da resolución, ou ben impugnala directamente, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Cuarto. Unha vez resoltas as solicitudes de integración e publicados os resultados do proceso, quedan convocados os participantes para a elección de destino o sábado, 2 de xullo, na sala 11 (1.ª planta), da Escola Galega de Administración Pública, ás 11.00 horas.

Advírtese que en caso de inasistencia ao acto de elección, a Consellería do Medio Rural, de oficio, adscribirá o interesado a algún dos destinos resultantes dentro da categoría que lle corresponda, logo de efectuada a elección polos demais solicitantes. A mesma adscrición de oficio se efectuará no suposto de que non haxa máis dun solicitante por categoría.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2011.

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.