2012/02/07

MEDIO AMBIENTE CULMINA A REESTRUTURACIÓN INTERNA DA CONSELLERÍA QUE PERMITE UN AFORRO DE MÁIS DE 10 MILLÓNS DE EUROS AO ANO E DE 30 MILLÓNS NESTA LEXISLATURA

XUNTA DE GALICIA

Data: 07/02/2012

MEDIO AMBIENTE CULMINA A REESTRUTURACIÓN INTERNA DA CONSELLERÍA QUE PERMITE UN AFORRO DE MÁIS DE 10 MILLÓNS DE EUROS AO ANO E DE 30 MILLÓNS NESTA LEXISLATURA

 
 
Santiago, 12 de febreiro de 2012.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, sinalou hoxe que, coa constitución do Consello Reitor do Instituto de Estudos do Territorio celebrada esta mañá, queda completada a reestruturación interna levada a cabo no departamento que dirixe, e que está a permitir un aforro ás arcas públicas de máis de 10 millóns de euros ao ano. Hernández recordou que este reaxuste iniciouse co realizado polo propio presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ao aglutinar nunha única consellería tres departamentos do anterior Goberno.

Nesta senda seguiuse avanzando ao longo da lexislatura ao fusionar nun único ente Augas de Galicia e a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos; e coa creación da Axencia Galega de Infraestruturas, na que se integran a antiga Dirección Xeral de Infraestruturas e a Sociedade Pública de Investimentos (SPI), que á súa vez absorbeu a Sociedade Autoestrada Alto de San Domingos-Ourense (Aceousa).

A estas fusións engádese agora o Instituto de Estudos do Territorio, que integra a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, a Subdirección de Sistemas de Información Territorial de Galicia (é dicir, o SITGA, ata o de agora incluído na Sociedade de Desenvolvemento Comarcal) e a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica.

Estamos a falar, segundo apuntou Hernández, de sete departamentos que agora se fusionan en tres, permitindo un uso mais eficiente dos recursos públicos. Esta reestruturación abordada no seo da consellería terá continuidade agora coas empresas públicas dependentes dela. Neste sentido, estase a levar a cabo na actualidade a fusión das catro xestures provinciais nunha única sociedade, Xestur Galicia, co obxectivo de conseguir unha xestión do solo empresarial mais eficiente.

O conselleiro Hernández aclarou que esta reordenación e fusión de departamentos tradúcense en máis de 30 millóns de euros dende o inicio da lexislatura.

Instituto de Estudos do Territorio
No día de hoxe, quedou constituído o Consello Reitor do Instituto de Estudos do Territorio, que entrará en funcionamento ao longo deste trimestre, co obxectivo de reforzar o labor de asesoramento aos concellos en materia de urbanismo, así como unha resposta áxil e eficaz, a través da utilización eficiente dos recursos públicos, ás necesidades dos cidadáns e dos equipos técnicos que traballan en cuestións relacionadas co territorio e a paisaxe.

A modo de exemplo, o conselleiro considerou que a incorporación do equipo técnico do SITGA fará posible a realización de traballos de produción, mantemento e actualización das bases cartográficas oficiais da Xunta de Galicia. Estas tarefas producirán un aforro de máis do 30% (estimados nuns 3 millóns de euros en catro anos) na elaboración dos datos e dun 80% na actualización continua destes. É dicir, "procurase unha maior eficiencia na organización, ao tempo que se busca evitar a duplicidade de servizos, sen que iso supoña un incremento de gasto de persoal", aclarou.

Natureza e funcións
O Instituto de Estudos do Territorio crearase como organismo autónomo de carácter administrativo que ten por obxecto a análise, o estudo e o asesoramento das administracións autonómica e municipal en materia de urbanismo, a ordenación do territorio e a protección e xestión da paisaxe. Entre as súas funcións destacan:

- Realizar traballos de investigación, análise, estudo e difusión sobre urbanismo e ordenación do territorio.
- Prestarlles asistencia e asesoramento aos concellos de Galicia para a elaboración do planeamento urbanístico e a xestión e execución do planeamento.
- Prestarlle apoio á consellaría competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.
- A compilación e o tratamento da información do territorio galego, así como a produción cartográfica para as diferentes consellerías e organismos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O conselleiro sinalou que, coa posta en marcha do Instituto de Estudos do Territorio, o departamento que dirixe avanza un paso máis no camiño da protección do territorio, unha política de actuación que xa deu grandes froitos como a aprobación do Plan de Ordenación do Litoral e as Directrices de Ordenación do Territorio, así como a modificación da Lei do Solo. Argumentou que o ano 2012 o Goberno galego avanzará unha fase máis en prol da protección, mellora e ordenación do territorio galego, ao tempo que se da resposta ao mandato legal incluído na Lei de ordenación do territorio e Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.