2010/06/16

MESA XERAL 7/6/2010. O RECORTE NA XUNTA


Escrito por Alexandre Prieto   
Mércores, 09 Xuño 2010 10:20
.
O luns 7 de xuño tivo lugar a Mesa Xeral de Empregados Públicos na que se concreta o recorte das nosas retribucións. Con este trámite de audiencia, os responsábeis políticos da Administración Galega nos presentaron o Anteproxecto de Lei que modifica a Lei de Orzamentos e con ela executan o recorte salarial. A comedia contou coa presenza, como estrela convidada, do Director Xeral de Orzamentos, quen cunha magnífica actuación manifestou que estaba en desacordo co recorte, pero que non lles quedaba outra.
.
Dende a CIG manifestamos o noso total rexeitamento tanto ao contido do documento como ás formas (enviado ao final da mañá do venres, mediando so o fin de semana para o seu estudo). Os traballadores e traballadoras non somos culpábeis da crise, non somos quenes fixemos caixa especulando neste sistema capitalista sen control, e non temos porque ser os pagotes. Non nos poden pedir que asumamos sen patalexar un novo sacrificio (e xa van moitos, tanto nas vacas fracas como nas gordas).
.
Prodúcenos noxo o preámbulo do anteproxecto, un texto propagandístico que culpa a outros do recorte. A este respecto, lembramos aos responsábeis políticos e ao partido que o sustenta que se realmente están en contra tal e como manifesta o PP en Madrid, en Galiza, en troques de laiarse, deberían interpoñer un recurso  de conflicto de competencias ou de inconstitucionalidade contra unha lei estatal que invade competencias autonómica (os importes dos complementos non é norma básica).
.
Rebatendo á insistencia do D.X. de Orzamentos da necesidade do recorte para adicalo a reducir o endebedamento público, lembrámoslle a alegría coa que tiran o diñeiro dos cidadáns en todo tipo de conceptos inútiles e moitas veces obscenos (Plus dos Altos Cargos, pagas vitalicias a deputados/as, suba salarial a xefes/as territoriais, ..). A súa resposta ao Plus dos Altos Cargos é simplemente indignante e foi merecedora dun aplauso: eles tamén van sufrir o doloroso recorte do 8% nese Plus.
.
Xa rematando, facemos eco da nota de prensa que publicou o goberno tralo Consello da Xunta do xoves en que aprobaron o anteproxecto: “O GOBERNO GALEGO BAIXARÁ UN 15% AS RETRIBUCIÓNS DO SEU PRESIDENTE, UN 10% AS DOS CONSELLEIROS E UN 8% AS DOS DIRECTORES CON RESPECTO A 2009”. Quen non coñeza o conflicto polo miudo pode chegar á idea errada de que serán eles, os dirixentes políticos, quenes van soportar, pobriños, a reducción do gasto.

A crise, que a pague o capital.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.