2010/06/23

CIG SODECO INFORMA 23 DE XUÑO 2010 - INFORME PRECEPTIVO

 .
 .
En data 18 de marzo o Conselleiro Delegado entrega ao Comité de Empresa o borrador do antreproxecto de lei polo que se disolve SODECO. Esta entrega fíxose de xeito informal e sen petición oficial de informe. Nembargante, como xa sabedes, o Comité decidiu por unanimidade  naquel momento solicitar a participación de todos e todas para configurar un documento de alegacións e solicitudes de aclaracións ao texto do borrador entregado. Aquel esforzo común rematou nun documento de total consenso que foi entregado ao Conselleiro Delegado o pasado 6 de abril.

Este 10 de xuño se nos entrega “o mesmo borrador” xa oficialmente e con petición de informe preceptivo. Nun primeiro momento o Comité decide por unanimidade o 14 de xuño solicitar explicacións ao Conselleiro Delegado do motivo desta solicitude sen ter cambiado nada do borrador. Non obtendo resposta, o Comité volve reunirse o 21 de xuño para decidir os pasos a seguir.

Desde a CIG proponse volver a enviar o documento de alegacións xa como resposta oficial á petición de informe, o que implica como consecuencia natural a definición do informe como desfavorable. Ante esta proposta, UGT e CCOO manifestan o seu desacordo e fan unha proposta complementaria pola que a decisión de emitir este informe sexa consultada á Asemblea de traballadores/as. Non habendo acordo sobre o paso a seguir lévase a votación co resultado de que a proposta de volver a enviar as alegacións con informe desfavorable obtén 5 votos (CIG) e a proposta de decisión asemblearia 3 votos (2 UGT e 1 CCOO).

Queremos manifestar o erro de interpretación da situación que fan UGT e CCOO, querendo levar á Asemblea unha decisión que xa está tomada, posto que entendemos que foi unha decisión de consenso de todos/as o envío das alegacións, non tendo maior consecuencia nin cambio algún daquela decisión o feito do novo envío das alegacións, non sendo máis que unha nova resposta técnico-formal o envío do informe desfavorable posto que o anterior envío das alegacións non se considera formalmente válido.

Estas dúbidas de interpretación levaron tamén a acordar, esta vez de xeito unánime, unha reunión express co Director Xerente, que tivo a ben recibirnos ese mesmo luns 21 e que non fixo se non confirmar a cuestión formal da petición do informe, reunión á que asistiron un membro de cada sindicato.

Aínda que é certo que a Dirección podo ter agardado a pedir o informe unha vez rematado o borrador definitivo, non é menos certo que este é o camiño correcto para poder entregar máis formalmente un documento de alegacións.

A situación provocada na reunión do Comité do luns 21 por UGT e CCOO é curiosa e falta de coherencia. Deste xeito rompe o consenso inicial e dá como resultado sorprendente que o documento de alegacións e solicitude de aclaracións foi entregado á empresa cos únicos votos da CIG, cando foi construído e elaborado por todos e todas.

De non tomar a decisión que a CIG tomou as alegacións serían consideradas como non entregadas e polo tanto como non solicitadas, dado que tecnicamente non ten sentido a entrega dunhas alegacións sen informe desfavorable, como podedes comprender.

Non teñades a menor dúbida de que desde a CIG consultaremos á Asemblea as cuestións que sexan necesarias, cando haxa algo que decidir, no momento oportuno e con tempo suficiente.

Quedamos á vosa disposición para consulta ou aclaración de todo o exposto.

CIG SODECO, 23 de xuño de 2010

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.