2010/06/14

LOITA COA CIGA O 17 DE XUÑO

 .
.
Non o permitamos!!!

Loita coa CIG o 17 de xuño

Por que unha nova Reforma Laboral cando despedir máis facilmente non crea emprego, senón que o destrúe. Reducir salarios non crea riqueza, paraliza o consumo e desactiva a economía. Pensa por que os países con salarios máis altos son os que menos sofren esta crise, teñen menor desemprego e menor precariedade nos contratos. Unha nova Reforma Laboral que ademais quere reducir pensións, ceder a xestión dos contratos a axencias privadas e ETTs, flexibilizar a xornada de traballo e desregular a negociación dos convenios para abaratar salarios e empeorar as condicións de traballo.

A que nos enfrontamos a clase traballadora diante desta crise?

UGT e CCOO teñen asinado nestes anos moitas reformas que abarataron o despedimento e reduciron salarios, pero a nosa loita é a única resposta para paralizar as reformas.

1ª.- Preguntémonos por que por primeira vez na historia en Galiza, o 20% da poboación acumula mais riqueza que o 80% restante que somos a clase traballadora?
Hai 30 anos en Galiza, cando éramos menos de 450.000 asalariados, traballadores e traballadoras, agora somos 900.000; o peso dos nosos salarios no PIB representaba o 63% mentres as rendas do capital (empresarios, executivos, profesións liberais) representaban apenas o 24%. Hoxe os salarios representan o 42% e as rendas do capital o 44%. Somos o dobre que daquela, pero diminuímos a nosa riqueza mentres os
ricos son moito máis ricos.
Mais do 60% dos salarios en Galiza non supera os 1.000€. Hoxe unha familia necesita traballar home e muller para defender a súa economía, e maioritariamente nos sectores con baixos salarios búscase o auxilio das horas extras e ademais recorrer ao crédito e ás hipotecas, senón os salarios non chegan. A economía da clase traballadora está endebedada para negocio dos bancos, tamén os baixos salarios para maior plusvalía e beneficio das Empresas.

2ª.- Preguntémonos tamén porque se propoñen as reformas para corrixir a débeda pública en países como Grecia, Portugal, Italia, Irlanda e o Estado Español, cando son precisamente estes países os que menos débeda pública teñen en relación ao PIB (Produto Interior Bruto) da Europa dos 15, e son por tanto os que menos gastan en pensións, prestacións públicas, desemprego, ensino, sanidade e salarios dos empregados públicos.
Cando esixen reducir o gasto público no Estado español, o que están a pedir os ricos, o capital, é que se reduzan os salarios dos empregados públicos primeiro e logo o do resto dos traballadores e traballadoras, non importa que xa sexan baixos. Ademais piden que se reduzan as prestacións públicas, pensións e desemprego, e todos os gastos destinados a sanidade e ensino público. Desta maneira os Bancos estarán seguros que de primeiro o Estado lles paga a eles os empréstimos contraídos polos Bonos Públicos (débeda pública), e os empresarios están seguros de que coa redución do gasto público se van privatizar para as empresas servizos públicos na Sanidade, no Ensino, na Asistencia a dependentes e terceira idade, nos servizos dos Concellos e das Comunidades Autónomas, Piscinas, Incendios, Limpeza, etc. Máis negocio para a empresa privada e peores salarios, peores servizos públicos e máis precariedade para a clase traballadora.

3ª.- Como podemos explicar que xusto nestes países que teñen os salarios máis baixos da UE dos 15, precisamente para estes, os Gobernos, a Banca e os Empresarios están pedindo e executando medidas de redución e conxelación de salarios?
Unha das medidas que máis rouba diñeiro á clase traballadora e o transfire para o capital prodúcese por unha profunda reestruturación e reformas laborais no mundo do traballo nos últimos 30 anos. A subcontratación do traballo en todos os sectores, a eventualidade, as ETTS, etc, hoxe no Sector Público, no Automóbil, no Naval en calquera sector a subcontratación faise para abaratar os salarios, para traballar máis horas, para poder despedir mais facilmente sendo eventuais, para poder sobreexplotar a clase traballadora. Pero curiosamente os países cos salarios máis altos son os máis competitivos e con menor desemprego, por tanto salarios baixos e precariedade é igual a máis crise e maior desemprego.

4ª.- Como se explica que o Goberno español destinase máis de 200.000 millóns de euros no ano 2009 en axudas á Banca con xuros do 1%, e logo estes mesmos bancos con este diñeiro, poidan mercar Bonos do Estado (emisión de débeda pública ) que o Estado deberá pagar logo a estes bancos a uns xuros de entre o 7 e 10%?
A Banca e as transnacionais teñen un poder inmenso. O lóxico sería que en vez de darlle este diñeiro á Banca Privada e endebedarse con eles, o Estado crease unha Banca Pública como existía antes, para asegurar o crédito ás empresas e á clase traballadora, deste xeito non se paralizaría a economía porque se activaría o consumo. O caso de Brasil e Uruguai son paradigmas deste exemplo: con catro Bancos Públicos, en vez de reducir salarios, subíronos e as súas economías son das que máis medran no planeta e crean emprego. Non teñen crise. Pero a Banca Privada non quere competidores públicos. O capitalismo concentra a riqueza para os capitalistas.

5ª.- Por que nestes mesmos países queren reformar o Sistema Público de Pensións, cando por exemplo no Estado español o Fondo de Reserva acumula 53.000 millóns de superávit, a maior cantidade da súa historia?
A clase traballadora é hoxe o dobre que hai 30 anos, por tanto somos o dobre dos cotizantes. Por esta razón desde hai 10 anos o Fondo de Reserva das Pensións ten un superávit tan importante. As pensións non están en crise, pero é un gran negocio para a Banca e as Empresa privadas que queren xestionalo. Reducir as pensións públicas para que teñamos que contratar pensións privadas e deixar sen recursos aos máis necesitados socialmente. Esta política está fracturando mais á sociedade, creando mais exclusión social e repartindo a riqueza para os máis ricos.

17 de xuño: MOBILIZATE!!!

Manifestacións:

Vigo ás 20,00 h. Vía Norte
Coruña ás 20,00 h. Praza da Palloza
Santiago ás 20,30 h Praza Roxa
Pontevedra ás 20,30 h. Praza da Ferrería
Ferrol ás 20,00 h. Avda. de Esteiro (local da CIG)
Lugo ás 20,00 h. Parque de FRIGSA
Ourense ás 20,00 h. Pavillón dos Remedios


No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.