2010/07/15

NOTA INFORMATIVA COMITÉ DE EMPRESA 15 DE XULLO DE 2010

O Comité de Empresa informa, en relación coa pretendida redución salarial do 5% para as empresas públicas da que xa informamos o pasado 15 de xuño, o seguinte


O 6 de xullo os membros do Comité de Empresa fomos convocados a unha reunión coa Dirección para o 7 de xullo para levar a cabo as consultas previstas no Estatuto dos Traballadores como apertura do período de consultas de 15 días para discutir a proposta de redución salarial como modificación substancial das condicións de traballo. Este 7 de xullo o Conselleiro Delegado comunicounos a proposta da empresa: con efectos do 1 de xuño de 2010 redución nun 5% das contías da cada un dos conceptos retributivos que integran a nómina de todos os traballadores de SODECO, baseando tal modificación na Disposición adicional novena do RD lei 8/2010, do 20 de maio e na Disposición adicional sexta da Lei 3/2010, do 23 de xuño. Tamén se nos informou que o Director Xerente, como único persoal directivo de SODECO, terá unha redución do 7% na nómina. A resposta do Comité nese momento foi que analizariamos a proposta e dariamos unha resposta.

O 12 de xullo o Comité de Empresa, tras analizar a proposta, acorda por unanimidade non aceptar a redución salarial proposta pola empresa. Finalmente o 14 de xullo redáctase o escrito de contestación á empresa, no que se considera nula de pleno dereito a modificación substancial das condicións de traballo que a empresa formula, indicando que o Comité non participará no período de consultas e dá por rematado o prazo de negociación, reservándose todas as accións legais pertinentes na defensa dos dereitos dos traballadores. Este escrito foi entregado hoxe mesmo ao Conselleiro Delegado.

Descoñecemos o paso que dará a empresa a partir de agora pero en todo caso a redución do 5% na nómina tense que comunicar aos traballadores cun mínimo de 30 días de antelación, polo que non se poderá aplicar de ningún xeito na nómina deste mes de xullo. Se finalmente a empresa decide aplicar a redución unilateralmente, esta terá efectos desde o 1 de xuño de 2010, polo que poderá efectuar as regularizacións posteriores que sexan precisas para detraer as cantidades non descontadas.

Comité de Empresa, 15 de xullo de 2010

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.