2012/04/03

IET - 12 ABRIL 2012

O Instituto de Estudos do Territorio integra a Dirección Xeral de Sostibilidade o SITGA e a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica

A Consellería de Medio Ambiente pon en funcionamento a partir do 7 de abril o Instituto de Estudos do Territorio

  • O Consello Reitor reunido esta mañá aprobou o plan de actuación deste organismo, no que se recollen os obxectivos e os resultados previstos polo IET, xunto cos indicadores de seguimento dos mesmos
  • Este organismo nace co principal obxectivo de reforzar a tarefa de asesoramento aos concellos en materia de urbanismo, así como unha resposta áxil e eficaz, a través da utilización eficiente dos recursos públicos, ás necesidades dos cidadáns e dos equipos técnicos que traballan en cuestións relacionadas co territorio e a paisaxe
  • A posta en funcionamento representa un novo avance do Goberno galego en prol da protección, mellora e ordenación do territorio galego, ao tempo que se da resposta ao mandato legal incluído na Lei de ordenación do territorio e Galicia
  • Hernández recorda que para a Xunta 2012 é o ano da paisaxe, posto que o Goberno galego está a poñer en marcha unha serie de medidas integradas na Estratexia da Paisaxe de Galicia

 

Santiago, 3 de abril de 2012.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, presidiu hoxe a reunión do Consello Reitor do Instituto de Estudos do Territorio. (IET), onde se aprobou a proposta do Plan de actuación desta entidade, documento que sinala a guía pola que se vai a desenvolver a súa actividade. Este organismo, que asume as competencias en materia de paisaxe; as de xestión da información con referencia territorial; e os datos xeográficos, facilitará o intercambio de información e a utilización dunha mesma base de referencia.

Na proposta do Plan de actuación recóllense con detalle os obxectivos e os resultados previstos polo Instituto de Estudos do Territorio, xunto cos indicadores de seguimento dos mesmos. E, por suposto, se indican os recursos persoais, materiais e orzamentarios para a súa consecución.

Así pois, a partir do 7 de abril, o Instituto de Estudos do Territorio traballará con plena operatividade e garantía xurídica, integrando as competencias da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, a Subdirección de Sistemas de Información Territorial de Galicia (é dicir, o SITGA, ata o de agora incluído na Sociedade de Desenvolvemento Comarcal), e a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica.

O Consello da Xunta tamén aprobará o nomeamento de Manuel Borobio Sanchiz, actual director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, como director xeral do Instituto de Estudos do Territorio, unha entidade que proverá a todos os departamentos de aplicacións e utilidades para a xestión e análise da información do territorio. O Instituto ten tamén como principal obxectivo estratéxico o de impulsar, xerar e divulgar coñecemento en materia de territorio, paisaxe e sostibilidade.

Segundo manifestou o conselleiro Hernández, o traballo realizado durante estes tres anos no eido do territorio son o camiño a seguir para acadar os éxitos e obxectivos logrados. Recordou que coa aprobación do Plan de Ordenación do Litoral e das Directrices de Ordenación do Territorio, Galicia cumpriu unha asignatura pendente, dispor por primeira vez dunhas regras do xogo claras e definidas, dun marco normativo estable que ordene o territorio e protexa o litoral de forma efectiva. Coa aprobación desas dúas ferramentas completouse a planificación territorial e definíronse os documentos que guiarán a xestión territorial e a ordenación territorial de Galicia para o próximo medio século.

Por outro lado, recordou que dende a Xunta de Galicia deféndese o ano 2012 como ano da paisaxe, posto que o Goberno galego está a poñer en marcha unha serie de medidas integradas na Estratexia da Paisaxe de Galicia, co fin de protexer e preservar os elementos mais significativos e característicos das diferentes paisaxes da Comunidade Autónoma; ordenar a través de accións tendentes a mellorar, restaurar ou rexenerar as paisaxes; e xestionar dende unha perspectiva de uso sostible do territorio mediante iniciativas que guíen as transformacións provocadas polos procesos sociais, económicos e ambientais.

O Instituto de Estudos do Territorio reforzará a tarefa de asesoramento aos concellos en materia de urbanismo, así como unha resposta áxil e eficaz, a través da utilización eficiente dos recursos públicos, ás necesidades dos cidadáns e dos equipos técnicos que traballan en cuestións relacionadas co territorio e a paisaxe.

Natureza e funcións
O Instituto de Estudos do Territorio creouse como organismo autónomo de carácter administrativo que ten por obxecto a análise, o estudo e o asesoramento das administracións autonómica e municipal en materia de urbanismo, a ordenación do territorio e a protección e xestión da paisaxe. Entre as súas funcións destacan:

• Realizar traballos de investigación, análise, estudo e difusión sobre urbanismo e ordenación do territorio.
• Prestarlles asistencia e asesoramento aos concellos de Galicia para a elaboración do planeamento urbanístico e a xestión e execución do planeamento.
• Prestarlle apoio á consellaría competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.
• A compilación e o tratamento da información do territorio galego, así como a produción cartográfica para as diferentes consellerías e organismos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Os órganos de goberno deste organismo serán a Presidencia, que lle corresponderá á persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo; e o Consello Reitor, que é o órgano colexiado de goberno integrado pola presidencia, vicepresidencia, secretaría e sete vogais.

En relación coa súa estrutura administrativa destacan o Departamento Xestión Xurídico-Administrativa, que centralizará toda a labor relativa a dita denominación; e o Departamento Técnico de Estudos, no que se integrarán o Servizo de Planificación da Paisaxe, o Servizo de Coordinación e Información Territorial e o Servizo de Estudos respectivamente

Coa posta en marcha do Instituto de Estudos do Territorio, o departamento que dirixe Agustín Hernández, avanza un paso máis no camiño da protección do territorio, unha política de actuación que xa deu grandes froitos como a aprobación do Plan de Ordenación do Litoral e as Directrices de Ordenación do Territorio, así como a modificación da Lei do Solo. Todo isto é proceso do traballo que está a levar a cabo o Goberno galego, avanzando nunha fase máis en prol da protección, mellora e ordenación do territorio galego, ao tempo que se da resposta ao mandato legal incluído na Lei de ordenación do territorio e Galicia.

FONTE: http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/nova/19962/conselleria-medio-ambiente-pon-funcionamento-partir-abril-instituto-estudos-territorio

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.