2011/11/28

O INSTITUTO DE ESTUDOS DO TERRITORIO NACERÁ EN 2012 COMO UNHA FERRAMENTA EFICAZ E ÁXIL PARA PROPORCIONAR INFORMACIÓN A CIDADÁNS, EQUIPOS TÉCNICOS E CONCELLOS

Data: 25/11/2011 

O INSTITUTO DE ESTUDOS DO TERRITORIO NACERÁ EN 2012 COMO UNHA FERRAMENTA EFICAZ E ÁXIL PARA PROPORCIONAR INFORMACIÓN A CIDADÁNS, EQUIPOS TÉCNICOS E CONCELLOS 

Santiago, 25 de novembro de 2011.

O Instituto de Estudos do Territorio nacerá o ano que vén coa vocación de dar unha resposta áxil e eficaz ás necesidades dos cidadáns, equipos técnicos e concellos en relación ao territorio e á paisaxe a través da utilización eficiente dos recursos públicos. 

Segundo explicou hoxe en comisión parlamentaria o director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio, coa constitución deste ente non se incrementará o gasto de persoal e mellorarase a eficiencia e a organización administrativa, evitando duplicidades innecesarias. O Instituto integrará a actual Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, a Subdirección de Sistemas de Información Territorial de Galicia (é dicir, o SITGA, ata o de agora incluído na Sociedade de Desenvolvemento Comarcal) e a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica. Así mesmo, no seo do Instituto crearase o Observatorio Galego da Paisaxe. 

Ademais, coa proposta elaborada estímanse importantes aforros na xestión da información do territorio, "dotando á propia Xunta de Galicia, aos concellos galegos e aos cidadáns, dunha ferramenta necesaria para unha xestión dinámica e eficiente do mesmo", segundo subliñou Borobio. 

A incorporación do equipo técnico do SITGA fará posible a realización de traballos de produción, mantemento e actualización das bases cartográficas oficiais da Xunta de Galicia. Estas tarefas producirán un aforro, segundo indicou Borobio de máis do 30% (estimados nuns 3 millóns de euros en catro anos) na elaboración dos datos e dun 80% na actualización continua destes. 

O Instituto de Estudos do Territorio créase como organismo autónomo de carácter administrativo que ten por obxecto a análise, o estudo e o asesoramento das administracións autonómica e municipal en materia de urbanismo e ordenación do territorio entendéndose comprendida nela a ordenación, protección e xestión da paisaxe. 

Segundo indicou Manuel Borobio, as funcións do Instituto de Estudos do Territorio serán as seguintes: 
  • Realizar traballos de investigación, análise, estudo e difusión sobre urbanismo e ordenación do territorio.
  • Prestarlles asistencia e asesoramento aos concellos de Galicia para a elaboración do planeamento urbanístico e a xestión e execución do planeamento. 
  • Prestarlle apoio á consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio. 
  • A recompilación e o tratamento da información do territorio galego, así como a produción cartográfica para as diferentes consellerías e organismos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia. 
Durante a súa intervención, Borobio explicou que o nacemento do Instituto de Estudos do Territorio obedece á necesidade de dar resposta ao mandato legal inserto na Lei de Ordenación do Territorio e Galicia. Porén o cumprimento deste mandato legal faise tendo en conta a oportunidade que supón a recente aprobación das Directrices de Ordenación do Territorio e do Plan de Ordenación do Litoral e a Estratexia Galega da Paisaxe que durante estes dous últimos anos realizou a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe coa estreita colaboración da Subdirección de Sistemas de Información Territorial de Galicia da Sociedade de Desenvolvemento Comarcal. 

Por último, o director xeral explicou que este novo ente constitúe un paso máis que dende o Goberno "estamos a dar para a Protección, Mellora e Ordenación do noso territorio, desde unha aposta clara pola eficiencia, aforro e sostibilidade cara a un novo modelo de gobernanza do noso territorio e as nosas paisaxes".

FONTE  Xunta de Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.