2010/05/24

Resumo da Mesa Xeral da Función Pública en Madrid

O xoves 20 de maio, xuntouse a Mesa Xeral da Función Pública en Madrid, e a CIG exixe a retirada das medidas de reducción do déficit público.
Nesta reunión a Administración non fixo entrega de ningún documento, limitouse verbalmente a dar a pouca información á que estaban autorizados, e remitiunos ao que acordase o Consello de Ministros que se xuntou ás 16:30 h. Para esta perda de tempo, mellor que non nos convocasen !!
O Goberno vai elaborar un Decreto Lei que ten que ser ratificado polo Parlamento Español, decreto que conterá, cando mínimo, as seguintes materias:

Persoal funcionario e Estatutario

O Decreto do goberno Español conterá, con carácter xeral, unha redución que será de aplicación ás retribucións básicas de todas/os as/os empregadas/os públicos: soldo base e antigüidade.
A redución a aplicar nas retribucións complementarias será competencia das CCAA para que o apliquen conxuntamente a todas/os as/os empregadas/os públicos, ou sectorialmente (que cada Consellaría determine as reducións a aplicar).
Os efectos económicos da redución serán desde o dia 1 de xuño de 2010. A paga extra do mes de xullo non ten redución.

Persoal Laboral

Para aplicar as medidas a este persoal van facer uso das facultades que lles confire o Estatuto Básico do Empregado Público (se non, non llo poderían aplicar), xa que as súas retribucións determínanse de acordo coa lexislación laboral e o convenio colectivo que lles sexa de aplicación. En base a isto, a redución salarial ten que ser directa e individualizada, fora do ámbito da negociación colectiva (parabéns aos sindicatos CCOO, UGT e CSIF, parabenizadores e asinantes do Estatuto Básico).

Empresas públicas e persoal próximo á xubilación

A Presidenta da Mesa Xeral non tiña información de como se lle van a aplicar estas medias ás empresas públicas e outros entes.
A Admínistración valorará a aplicación destas medidas ao persoal que este próximo á xubilación, aínda que non lle afectará ao persoal de MUFACE.

Fondos de pensións

Como remate, un dato importante: manteráse o 0,3% de masa salarial para os fondos de pensións no 2010, 0,5% para o 2011 e 0,7% para o 2012. Parécenos unha inmoralidade que os salarios estean afectados, e os fondos de pensións sigan alimentando os petos dos poderes financieiros e dos sindicatos que participan na súa xestión.
So así podemos entender o firme interese dos sindicatos estatais en excluir á CIG da unidade sindical ao forzar que tivesemos que aceptar o que no seu día non aceptamos: a demanda de manter as cantidades para os fondos de pensións como reivindicación básica para a unidade sindical.
A CIG pediu na Mesa a retirada do conxunto das medidas de recorte salarial.

Máis información no web da CIG-Autonomica.

http://autonomica.cigadmon.org

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.