2010/04/22

A XUNTA LEVARÁ A CABO UNHA AMBICIOSA REFORMA DA SÚA ADMINISTRACIÓN PARALELA COA SUPRESIÓN OU REFUNDICIÓN DE 46 ORGANISMOS

Gabinete de Comunicación
San Caetano, s/n - 15704 Santiago de Compostela
Tel.: 981 541 238/42/51 - Fax: 981 541 252/41
Correo-e: gabinete@xunta.es
INFORMACIÓN AOS MEDIOS
Consello da Xunta


A XUNTA LEVARÁ A CABO UNHA AMBICIOSA REFORMA DA SÚA ADMINISTRACIÓN PARALELA COA SUPRESIÓN OU REFUNDICIÓN DE 46 ORGANISMOS

  • O plan de racionalización de organismos dependentes busca evitar duplicidades, gañar en eficiencia e adecuar a Administración ás necesidades actuais
  • Algúns entes extinguiranse definitivamente e outros integraranse na Administración ou noutros organismos
  • Dos 64 entes analizados, tamén se aposta pola refundición de dous e polo mantemento dos outros 16, nos cales se introducirán melloras
 O Consello da Xunta vén de aprobar o acordo con que se inician os trámites para a extinción de 46 entes da Administración autonómica ou a súa refundición, dentro do establecido no plan de racionalización de organismos dependentes do Goberno galego, plan que busca adecuar a dimensión e contidos da Administración institucional ás necesidades actuais, procurando a racionalización e eficiencia na estrutura organizativa, na xestión do gasto e na prestación de servizos públicos.

 A Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, levou a cabo nos últimos meses unha avaliación dun total de 64 organismos, máis do 40 por cento dos que ten a Administración autonómica, en colaboración coas distintas consellerías das cales dependen estes entes. Tras o estudio, decidiuse propoñer o mantemento de 16 deles –introducindo melloras- e proceder á supresión ou integración na Administración dun total de 46, mentres que se propón unha refundición dos outros dous restantes.

Coa aprobación do acordo no Consello da Xunta, iniciase un proceso cuxo desenvolvemento será distinto segundo os casos, de tal xeito que algúns entes se integrarán no seo da propia Administración ou noutros organismos, mentres que outros desaparecerán completamente porque non estaban a levar a cabo ningunha función.

Plan de lexislatura
A Xunta iniciará de xeito inmediato os procesos de extinción e a previsión que manexa e que todos estean finalizados antes de que remate a lexislatura. Os obxectivos son evitar as duplicidades que se tiñan detectado, gañar en eficacia e en transparencia, adelgazar a Administración paralela e que non sexan organismos autónomos os que presten servizos e actividades que poden prestar de igual ou mellor xeito as consellerías de que dependen, e a un menor custe.

Con este plan, o Goberno galego racha coa tendencia a engordar as administracións e por vez primeira se inicia de xeito coordinado e programado un procedemento de adelgazamento administrativo, que os responsables autonómicos están convencidos que seguirán outras administracións en vindeiras datas.

Nestes momentos de crise económica, a Xunta segue a dar exemplo de austeridade e busca a eficiencia na súa estrutura organizativa, xa que o plan de racionalización de organismos completa as medidas postas en marcha polo Goberno no arranque da lexislatura, no que se reduciu o número de consellerías e de altos cargos, ademais de cambiar completamente a estrutura periférica, pasando de 52 delegados provinciais a tan só cinco delegados territoriais.

Organismos analizados
O acordo ratificado hoxe polo Consello prevé o mantemento de 16 organismos da chamada Administración paralela, para os cales se teñen feito propostas de mellora. Trátase do Consorcio Audiovisual de Galicia; Fundación Deporte Galego; Retegal; Instituto de Medicina Legal (Imelga); Axencia Galega de Emerxencias (Axega); Fundación Semana Verde; Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia; Bibliotecas Universitarias de Galicia; Consello Escolar de Galicia; Axencia Pública das Industrias Culturais (Agadic); Turgalicia; Fundación Illa de San Simón; Fundación Galega para o Impulso da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas Dependentes (Funga); Fundación Rof Codina; Instituto galego de Calidade Alimentaria (Ingacal); e Servizos Agrarios Galegos S.A. (Seaga).

En canto aos organismos que se integrarán noutros entes, trátase do Instituto de Estudos Turísticos, que pasará a Turgalicia; e de Bantegal, que se integrará na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Tamén no ámbito da Consellería de Medio Rural, a proposta da Xunta é que o Centro Tecnolóxico das Industrias Lácteas (Cetil) se fusione co Centro Tecnolóxico das Industrias Lácteas (Cetal), para o cal xa existen conversas co Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño.

Por outra banda, tamén se aposta pola refundición e reformulación da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Ademais, a Xunta desprenderase da súa participación na Sociedade Galega de Servizos Sociais (Sogaserso).

Finalmente, desaparecerán e integraranse nos distintos departamentos de que dependen a Fundación Galicia Emigración; o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller; a Axencia Humanitaria de Galicia; e as 34 fundacións para o desenvolvemento comarcal. Tamén se extinguirán a Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento; a Fundación Milenio; a Fundación Galega para a Prevención de Riscos Laborais; Autoestrada Alto de Santo Domingo Ourense S.A (Aceousa); e a Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola, na cal participa a Deputación de Lugo, coa que a Xunta tamén está en contacto.




No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.