2010/02/18

ACTA DA SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DO COMITÉ DE EMPRESA DA SOCIEDADE ANÓNIMA PARA O DESENVOLVEMENTO COMARCAL DE GALICIA DO 17 DE FEBREIRO DE 2010

ACTA DA SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DO COMITÉ DE EMPRESA
DA SOCIEDADE ANÓNIMA PARA O DESENVOLVEMENTO COMARCAL DE GALICIA DO 17 DE FEBREIRO DE 2010
ACTA 02/2010




ASISTENTES:

Pola CIG:
Manuel Jorge Dorrego Taín
Gonzalo González Bernárdez
Roberto Blanco Martínez
Carolina Sevilla Carbón

Por UGT:
Dominique Aller González
Inmaculada Serantes Durán
María Elena Bernárdez López

Por CCOO:
María Dolores Rodríguez Campos

En Santiago de Compostela, sendo as 13:00 horas do día 17 de febreiro de 2010, reúnese en sesión ordinaria o Pleno do Comité de Empresa no centro de traballo da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia coa asistencia das persoas anteriormente relacionadas, segundo a seguinte orde do día:

Punto primeiro.- Lectura e aprobación, se procede, da acta da reunión anterior
Punto segundo.- Medidas a tomar ante a non contestación da Dirección aos escritos presentados. Discusión de propostas e aprobacións, se procede
Punto terceiro.- Proposta de realización dun informe de situación laboral na empresa. Debate e aprobación, se procede
Punto cuarto.- Achegas e preguntas

Punto primeiro:
Foi lida e aprobada por unanimidade a acta da reunión anterior.

Punto segundo:
En data 15 de febreiro foi entregada ao Comité de Empresa a documentación solicitada o 23 de novembro, o 21 de decembro e o 29 de xaneiro, así como a contestación ás distintas peticións realizadas polo que non procede tomar medidas ante a Dirección.

  Tras analizar e debater a información entregada fixéronse as seguintes propostas:
CIG:
  • Proposta de solicitude de aclaracións dos casos de traballadores/as que superan as 80 horas extraordinarias. Apróbase por unanimidade.
  • Proposta de solicitude de xustificación da realización das horas extraordinarias, segundo se desprende do Artigo 27 do V Convenio. Apróbase por unanimidade.
  • Proposta de solicitude de aclaración ante a incoherencia que supón a existencia de horas extraordinarias realizadas pola traballadora XXXXXXXXXXXXXX segundo se indica nos TC2 de novembro 2009 e a súa non inclusión no listado entregado. Apróbase por unanimidade.
  • Proposta de solicitude de aclaracións ao listado de convenios vixentes entregado en relación a súa duración e descrición. Apróbase por unanimidade.
    UGT:
    • Proposta de solicitude de aclaracións na comunicación das horas extraordinarias ante o feito de que non figuren na relación entregada o persoal dos centros comarcais. Apróbase por unanimidade.
    • Proposta de solicitude das horas extraordinarias realizadas de xaneiro a abril de 2009.
    • Proposta de solicitude, na medida do posible, dunha copia dos convenios vixentes. Apróbase por unanimidade.

    Asemade acordouse por unanimidade dar publicidade á seguinte información:  
    • Certificación dos acordos adoptados no Consello de Administración do 1 de decembro de 2009.
    • Listado de convenios vixentes.
    • Comunicación da instalación de taboleiros de información para o Comité de Empresa nos centros comarcais.
    • Resposta da Dirección ante a solicitude de que as novas contratacións por obra ou servizo se fagan en condicións de máxima estabilidade laboral e que na medida do posible ditas contratacións estean suxeitas aos diferentes convenios vixentes asinados pola empresa; sempre e cando as funcións a desempeñar no posto se adecúen a estes convenios.
    • Relación de Postos de Traballo vixente a decembro de 2009.

      Punto terceiro:
      CIG expón a necesidade de analizar a situación laboral da empresa ante o alarmante incremento de baixas de contratos e ningunha nova incorporación nos últimos meses, así como a aparente caída da carga de traballo e perda de convenios asinados. Para isto propón realizar un informe de situación laboral co obxectivo de dispor dunha ferramenta que amose a situación actual do traballo na Sociedade. CIG enmarca esta proposta na tendencia observada de perda de traballo público en toda a administración autonómica galega e para o que se está a xerar a constitución dunha Plataforma en Defensa do Sector Público en conversas entre as centrais sindicais galegas.

        Tras debater a proposta xurden as seguintes novas propostas:
      UGT:
      • Proposta de agardar á reunión do venres 19 de febreiro co Director Xerente antes de tomar unha decisión sobre a proposta inicial.
      • Proposta de consultar aos/ás traballadores/as sobre o feito en si da realización do informe proposto.
      CCOO:
      • Proposta de agardar á reunión do venres 19 de febreiro co Director Xerente antes de tomar unha decisión sobre a proposta inicial.

      Tras debater todos os elementos e propostas presentadas acordouse por unanimidade agardar á reunión do venres 19 de febreiro co Director Xerente desbotando polo de agora a proposta inicial.

      Punto cuarto:
      Non se formularon achegas nin preguntas.


      Dáse por finalizada a sesión ás 14:30h. En proba de conformidade todos os asistentes asinan a presente Acta no lugar e data recollidos no encabezamento desta.
       

      No hay comentarios:

      Publicar un comentario

       
      Creative Commons License
      This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.