2011/01/13

O CONSELLO AUTORIZA A EXTINCIÓN DAS FUNDACIÓNS COMARCAIS EN EXECUCIÓN DO PLAN DE AVALIACIÓN DE ORGANISMOS DEPENDENTES

INFORMACIÓN AOS MEDIOS
Consello da Xunta 

  • Mediante esta medida o departamento de Samuel Juárez aforrará máis de 3 millóns de euros nunha lexislatura 
  • A extinción formúlase nunha situación actual de austeridade e ante a imposibilidade das fundacións para cumprir a súa finalidade, as tarefas vinculadas a programas europeos serán realizadas por AGADER

    De acordo coa Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, o Consello da Xunta autorizou a extinción das fundacións para o desenvolvemento das comarcas. Deste xeito execútase o Plan de Avaliación de Organismos Dependentes da Xunta de Galicia aprobado en abril do pasado ano 2010. A medida adoptase dentro dunha situación actual de austeridade e dada a imposibilidade destas fundacións para realizar a súa finalidade.

    As fundacións comarcais foron creadas no ano 1990 para lograr a aplicación do Plan Comarcal, estas tarefas poden realizarse actualmente desde outros departamentos da Xunta, sen a necesidade de ter estes organismos de dedicación exclusiva. Deste xeito, os programas europeos (LEADER e PRODER) e outras estratexias de desenvolvemento rural están sendo xestionados e coordinados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), ente adscrito á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

    A través do acordo do Consello da Xunta os padroados das fundacións procederán a realizar o inventario e balance da situación actual de cada Fundación, finalizarán as operacións de xestión que estaban iniciadas e cobrarán os créditos pendentes. Na actualidade existen operativas na nosa Comunidade Autónoma trinta e tres fundacións comarcais e mediante a súa supresión o departamento que dirixe Samuel Juárez aforrará máis de 3 milóns de euros nunha lexislatura.

    Xestión responsable
    A día de hoxe, o principal financiador destes entes, e nalgúns casos o único, é a Xunta de Galicia. No actual contexto socioeconómico a Administración non pode continuar dotando de recursos as fundacións, dado que acabarían carecendo de medios materiais, técnicos e financeiros para sustentarse.

    O Goberno Galego pretende con esta medida facer unha xestión responsable dos medios de que dispón a Administración, reorganizando as competencias en materia de dinamización comarcal para englobalas nas máis amplas de desenvolvemento rural.

    Gabinete de Comunicación
    San Caetano, s/n - 15704 Santiago de Compostela
    Tel.: 981 541 238/42/51 - Fax: 981 541 252/41
    Correo-e: gabinete@xunta.es

    No hay comentarios:

    Publicar un comentario

     
    Creative Commons License
    This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.