2009/10/15

PROGRAMA ELECCIÓNS SINDICAIS 2009 SODECO



PRESENTACIÓN



A CIG preséntase de novo ás eleccións ao Comité de Empresa da S.A. para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia cunha sólida candidatura co criterio de dar cabida a traballadoras e traballadores que se sumen e participen na defensa dos intereses e dereitos do persoal da Sociedade.

Levamos xa sete anos presentes no Comité de Empresa, nos que imos pola cuarta dirección de empresa diferente, cos atrancos que iso supón á hora de chegar a acordos. En todo este tempo a CIG sempre estivo presente, tras diversas eleccións e cambios de goberno.

A CIG configúrase como a única alternativa seria e con experiencia para cubrir os postos do Comité, a única alternativa que, lonxe de tombos e cambaleos, mantivo sempre a súa mesma liña de traballo que non é outra que a de procurar sempre a mellora das condicións laborais das traballadoras e traballadores da Sociedade.

A nosa intención é a de seguir traballando para buscar puntos de encontro e achegar posturas coa dirección da empresa, co obxectivo de atopar solucións que satisfagan a todas e todos.

Dende logo O TEU VOTO é necesario para apoiar esta alternativa que novamente presentamos e para contar co respaldo suficiente para poder seguir traballando.



PROGRAMA E OBXECTIVOS


1.- SEGUIMENTO DO DESENVOLVEMENTO DA LEI 12/2008

Como sabedes a Lei 12/2008, do 3 de decembro, pola que se modifican a Lei 7/1996, do 10 de xullo,de desenvolvemento comarcal, e a Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, e se racionalizan os instrumentos de xestión comarcal e de desenvolvemento rural, na súa Disposición Adicional Primeira autoriza ao Consello da Xunta a proceder á disolución da S.A. para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.

Esta Lei, vixente á día de hoxe atópase a espera do desenvolvemento normativo que indica a disposición derradeira segunda, Decreto do que o Comité de Empresa xa emitiu informe favorable con algunhas matizacións o pasado 2 de febreiro. Deste informe nunca máis se soubo. A nova dirección, catro meses despois da súa toma de posesión, aínda non se reuniu cos representantes dos traballadores, situación que agardamos que remate coa constitución do novo Comité de Empresa saínte deste proceso electoral.

Velaquí un obxectivo prioritario desta terceira etapa: a CIG estará presente nas negociacións e novas situacións que se formulen para o futuro inmediato xa non das condicións laborais tan só, senón da propia supervivencia ou definitiva desaparición da empresa á que agora pertencemos.


2.– CONSOLIDACIÓN DAS PRAZAS APROBADAS

Xestor/a dos centros comarcais
Nestes dous últimos anos, e tras un longo proceso de negociacións sindicais levado a bo fin íntegra e exclusivamente pola CIG, foron creadas 21 novas prazas de xestor/a dos centros comarcais. Estas prazas atópanse ocupadas na actualidade por compañeiras e compañeiros con contratos indefinidos non fixos, co acordo de proceder á súa convocatoria.

É obxectivo prioritario da CIG reclamara definitiva consolidación destes postos de traballo mediante o seu oportuno concurso-oposición, demora que non se xustifica posto que todas as prazas están aprobadas, orzamentadas e incluídas na RPT vixente.

Técnico superior de estudos
Existe outra praza na RPT que se atopa ocupada por unha compañeira cun contrato de interinidade. Reclamaremos da dirección que se convoque tamén o seu oportuno concurso-oposición para a súa consolidación.


3.– ESTABILIDADE LABORAL

Dende a CIG non admitimos a alta porcentaxe de temporalidade existente na empresa. Aínda que esta porcentaxe foi reducida en termos absolutos nos últimos anos coa aprobación das prazas de xestor/a dos centros comarcais é certo que na sede da Barcia esta non fixo senón aumentar. O emprego por obra ou servizo terá un seguimento importante na exixencia de avanzar na súa redución pola vía do recoñecemento da necesidade da creación de novas prazas.


4.– FORMACIÓN

A formación continua das traballadoras e traballadores é fundamental para unha empresa. Dende a CIG retomaremos a posta en marcha dun Comité de Formación que valore as necesidades reais de formación.


5.– FONDO DE ACCIÓN SOCIAL

Continuaremos co obxectivo da creación dun fondo de acción social que contemple axudas necesarias no ámbito social e persoal dos traballadores e traballadoras da empresa, sen facer distinción entre postos indefinidos ou eventuais, como si fan noutros organismos públicos galegos onde non está a CIG presente, e onde os temporais non teñen posibilidade de acceso á totalidade do fondo.


6.– PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS

Seguirase fortalecendo o Comité de Seguridade e Saúde, que incrementa agora o seu número a seis membros, tres Delegados de Prevención e tres representantes da empresa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.