2009/10/29

Nota Xunta: A XUNTA APROBARÁ DOUS PROXECTOS DE LEI PARA INCREMENTAR OS ESFORZOS DE FISCALIZACIÓN DA ADMINISTRACIÓN PARALELA

A Xunta aprobará dous proxectos de lei para incrementar os esforzos de fiscalización da administración paralela

Rueda avanza que o Goberno galego analiza polo miúdo 58 organismos para determinar se é precisa a súa eliminación ou modificación

Santiago, 28 de outubro de 2009.- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, avanzou hoxe na Cámara galega que a Xunta aprobará dous proxectos de lei para incrementar os esforzos de fiscalización e de seguimento da evolución dos organismos da coñecida como Administración paralela.

Nunha resposta parlamentaria, Rueda anunciou unha Lei do Sector Público, co obxectivo de avaliar a creación de entes con personalidade xurídica propia e facer un seguimento da súa xestión e réxime financeiro. Así mesmo, o Goberno galego impulsará unha nova Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario para incluír nos orzamentos unha serie de fundacións e consorcios ata este momento non integradas.

O titular de Presidencia considerou que é momento de impulsar unha reforma en positivo da Administración paralela, procurando maiores niveis de eficiencia e transparencia na súa xestión. O obxectivo é evitar a duplicidade de gastos e a tendencia a externalizar servizos cando poden ser realizados pola propia Administración autonómica.

Con ese obxectivo o Goberno galego leva a cabo nestes momentos un proceso de avaliación do conxunto de organismos dependentes da Xunta, para adecuar esta rede de organismos ás necesidades reais da xestión pública. Na actualidade, hai 145 organismos fóra da estrutura administrativa da Xunta, entre organismos autónomos, entidades de dereito público, sociedades mercantís, fundacións, consorcios, axencias e outros órganos.

Á vista dos resultados do inventario realizado, estase a aplicar un plan de avaliación para inspeccionar polo miúdo 58 destes organismos, de tal xeito que a finais de ano haberá unha proposta de racionalización que recolla cales deses organismos deben ser suprimidos, cales reducidos na súa estrutura, sobre cales procede a súa refundición e cales deben ser mantidos na súa anterior estrutura.

Enaxenación de vehículos
Por outra banda, e en resposta a outra pregunta parlamentaria, o conselleiro da Presidencia recordou que o proceso de alleamento de 23 vehículos de alta gama forma parte dun Plan global de restructuración do parque móbil, que permitirá un aforro dun 25% nos custes de funcionamento do parque.

Alfonso Rueda destacou a transparencia do proceso de venda dos vehículos de alta gama e recordou que non son necesarios, dada a redución de altos cargos do Goberno. Por iso, fíxose unha permuta de tres dos vehículos por 12 vehículos adaptados para fins sociais e sacáronse outros 20 a subhasta, alleándose por este sistema outros tres vehículos.

O titular de Presidencia deixou claro que a Xunta non malvenderá os 17 vehículos restantes e, nese sentido, avanzou que servirán para abaratar a compra de novos vehículos para o parque móbil, dentro dun programa de renovación da flota actual que busca a racionalización do parque móbil e un abaratamento dos custes, incrementando a eficacia e eficiencia do servizo.

Data: 19:47 - 28/10/2009
Áreas temáticas: Área de Administracions Publicas
Fonte: Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza


Noticia publicada na Web da Xunta de Galicia
Publicación da iniciativa, BOPG núm. 66, do 03.09.2009

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.