2013/03/13

A CIG exixe a inmediata readmisión de todas as traballadoras e traballadores de AGADER despedidos

A CIG exixe a inmediata readmisión de todas as traballadoras e traballadores de AGADER despedidos

Denuncia que readmitíndoos agora xa terá que pagar uns 100.000 euros, cantidade que se incrementará canto máis atrase a súa reincorporación
En novembro de 2012 a empresa pública AGADER procedía á modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) e despedía así a 23 traballadoras e traballadores. As sete primeiras sentenzas feitas públicas declaran nulos os despedimentos, o que obriga á súa readmisión e a pagar a Seguridade Social destes meses ademais dos salarios de tramitación. Renato Núñez, secretario de Organización da CIG de Compostela demanda a súa inmediata readmisión, así como a de todas as demais traballadoras e traballadores e denuncia que se agora o organismo tería que pagar xa uns 100.000 euros, a cantidade será maior canto máis atrase a súa reincoporación.
Núñez explicou, en rolda de prensa, que as sentenzas subliñan que AGADER contaba, no momento no que despediu a estas 23 persoas, cun cadro de persoal de 122 traballadores/as e que, polo tanto,  debía ter optado por outra fórmula distinta que a da modificación da RPT e proceder a facer un ERE, cousa que non fixo. Afirma que se se optou por cambiar a RPT foi porque “o ERE non conseguiría sacalo adiante, porque non terían como xustificalo”.
As sentenzas publicadas declaran a nulidade dos despedimentos e xa hai data fixada para outro xuízo. “Estamos convencidos de que tamén se declarará a nulidade e o que denunciamos é que AGADER o que fixo foi despedimentos de forma subxectiva e intencionada”. Por iso demanda a readmisión, non só das traballadoras/es que xa teñen declarada a nulidade por sentenza xudicial, senón das 23 persoas. Explica que “nalgúns casos poden pasar varios meses até que teñan data de xuízo, o que crea inseguridade entre eses compañeiros e compañeiras despedidos”.
Denuncia ademais que poderían estar realizando un traballo efectivo para a administración pública “facendo o que mellor saben facer, que é o seu traballo” e que esta empresa pública está malgastando cartos públicos mantendo a esta xente que terá que readmitir na súa casa, para logo ter que pagar salarios de tramitación por traballos que non foron realizados”. Neste sentido, un dos traballadores presentes na rolda de prensa aseguraba que a falta de persoal está provocando atrasos nas tramitacións de expedientes. En concreto puxo como exemplo que no Banco de Terras hai xente que solicitou fincas hai un ano e que aínda non ten resolto o seu expediente. “Nós poderiamos estar dándolles saída e axilizando trámites”, afirmou.
Renato Núñez calcula que de ter que readmitir a eses traballadores, AGADER tería que pagar, xa agora, preto de 100.000 euros en salarios, “por unha decisión arbitraria coa única intención de desfacerse destes compañeiros e compañeiras”, e que esta cantidade seguirá incrementándose canto máis se atrase a reincorporación das persoas despedidas a unha media dun mínimo de 25.000 euros mensuais.
Por iso a CIG solicitou xa unha xuntanza co Director Xeral de AGADER para dar unha solución inmediata  esta situación que se suma a outra petición de reunión solicitada hai xa catro meses á conselleira e que non foi contestada. Núñez denuncia ademais a actitude “irresponsábel” da dirección deste organismo que malia ter na man as sentenzas de nulidade segue sen proceder a dar traballo efectivo a estas persoas.
Até tal punto considera Núñez que desde AGADER se procedeu aos despedimentos de forma irregular e intencionada que o mesmo día en que se deron a coñecer as primeiras sentenzas o propio Secretario Xeral de AGADER presentou a súa dimisión. “É unha forma patente de ver que eles eran plenamente conscientes de que o que estaban facendo non estaba ben”.

http://www.galizacig.com/avantar/novas/12-3-2013/a-cig-exixe-a-inmediata-readmision-de-todas-as-traballadoras-e-traballadores-de-agad

NOTICIAS RELACIONADAS
http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/justicia-declara-nulos-siete-despidos-agader-obliga-readmitir-trabajadores/idEdicion-2013-03-12/idNoticia-795774/ 

http://www.europapress.es/galicia/noticia-justicia-declara-nulos-siete-despidos-agader-obliga-readmitir-trabajadores-20130312132835.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.