2012/05/31

A XUNTA UNIFORMIZA O RÉXIME DE PERSOAL DAS ENTIDADES PÚBLICAS INSTRUMENTAIS CO DA ADMINISTRACIÓN XERAL GALEGA

A XUNTA UNIFORMIZA O RÉXIME DE PERSOAL DAS ENTIDADES PÚBLICAS INSTRUMENTAIS CO DA ADMINISTRACIÓN XERAL GALEGA

  • O Consello aprobou hoxe o decreto que regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico
  • O decreto homoxeneiza as relacións de emprego no ámbito do sector público autonómico, gañando en eficiencia e favorecendo a mobilidade
  • O texto desenvolve o previsto na Lofaxga para integrar como persoal laboral da Xunta o persoal laboral fixo das entidades instrumentais
 O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto que regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia, que van permitir homoxeneizar as relacións de emprego en todo o ámbito do sector público autonómico ao uniformizar o réxime de persoal destas entidades instrumentais co da Administración xeral galega.

O decreto desenvolve unha previsión establecida na Lofaxga e regula, polo tanto, os procedementos que habilitan a progresiva integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo das entidades instrumentais, é dicir, de organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais, consorcios, sociedades mercantís públicas e fundación do sector público.

O obxectivo da norma é homoxeneizar as relacións de emprego no ámbito do sector público autonómico, co fin de mellorar a eficacia na xestión do persoal e gañar así en eficiencia, ademais de favorecer a mobilidade horizontal e vertical do persoal. Estamos a falar da integración de persoal laboral fixo que foi seleccionado respectando os principios de mérito, igualdade, capacidade e publicidade.

Nesta liña de homoxeneizar as relacións de emprego no ámbito do sector público autonómico, o texto alude á equiparación, de forma progresiva e durante un prazo máximo de 6 anos, tanto das retribucións superiores como daquelas que sexan inferiores ás establecidas no Convenio Colectivo Único da Xunta de Galicia, unificando desta forma o réxime retributivo de todo o persoal laboral fixo do sector público autonómico.

Procedemento de integración
O procedemento de integración porase en marcha coa publicación dunha orde da Consellería de Facenda -competente en materia de función pública-, por proposta da consellería á que este adscrita a entidade instrumental cuxo persoal cumpra os requisitos exixidos para a integración.

Entre estes requisitos será obrigatorio ter un contrato laboral fixo con algunha das entidades, instrumentais do sector público autonómico, formalizado tras un proceso de selección realizado baixo os principios constitucionais de publicidade, mérito e capacidade, así como a titulación e os demais requisitos esixidos para o acceso ao grupo e á categoría de homologación do Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta
de Galicia, e estar en situación de servizo activo ou que orixine dereito á reserva de praza ou posto.

A integración finalmente resolverase mediante orde da consellería competente en materia de función pública onde se recollerán as previsións necesarias para que esta se realice en termos de homoxeneidade co réxime laboral establecido no Convenio colectivo da Xunta de Galicia.

Entidades en proceso de liquidación
No decreto recóllese, ademais, o caso particular do persoal procedente de determinadas entidades que se atopan en proceso de liquidación, coa finalidade de culminar o proceso e, pola súa vez, proceder á equiparación do persoal procedente destas entidades seleccionado baixo os principios de publicidade, mérito e capacidade, co resto do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Este é o caso do persoal fixo das extinguidas fundacións para o desenvolvemento das comarcas que foron integradas en entidades onde non era de aplicación o Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta de Galicia, así como do persoal da Fundación Galicia Emigración e Fundación Axencia Humanitaria de Galicia.

Nestas últimas, en proceso de liquidación, o persoal continúa prestando os seus servizos e adscribiranse, respectivamente, á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e á Secretaría Xeral de Emigración, que asumirán as súas actividades e medios de conformidade cos respectivos acordos de extinción por precisar do persoal das características de que se trata.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.