2011/12/29

Consello da Xunta do 29 de decembro de 2011


A XUNTA CREA O INSTITUTO DE ESTUDOS DO TERRITORIO PARA REFORZAR O LABOR DE ASESORAMENTO AOS CONCELLOS E AOS CIDADÁNS EN MATERIA DE URBANISMO E PROTECCIÓN DA PAISAXE

  • Neste organismo integraranse a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, e oSistema de Información Territorial de Galicia (SITGA), o que redundará nunha mayor eficacia na  xestión e un aforro económico de máis de 3 millóns de euros, evitando duplicidades innecesarias
  • O Instituto representa un novo avance do Goberno galego en prol da protección, mellora e ordenación do territorio galego, ao tempo que se da resposta ao mandato legal incluído na Lei de ordenación do territorio e Galicia

O Consello da Xunta na súa reunión de hoxe aprobou o decreto polo que se aproban os estatutos do Instituto de Estudos do Territorio, que o Goberno galego prevé poñer en funcionamento no ano 2012. Trátase dun organismo autónomo que dependerá da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, departamento que crea este instituto para reforzar o labor de asesoramento aos concellos en materia de urbanismo, así como unha resposta áxil e eficaz, a través da utilización eficiente dos recursos públicos, ás necesidades dos cidadáns e dos equipos técnicos que traballan en cuestións relacionadas co territorio e a paisaxe.

Coa constitución deste ente non se incrementará o gasto de persoal e mellorarase a eficiencia e a organización administrativa, evitando duplicidades innecesarias. O instituto integrará a actual Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, a Subdirección de Sistemas de Información Territorial de Galicia (é dicir, o SITGA, ata o de agora incluído na Sociedade de Desenvolvemento Comarcal) e a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica. Así mesmo, no seo do instituto crearase o Observatorio Galego da Paisaxe.

Ademais, coa proposta elaborada estímanse importantes aforros na xestión da información do territorio, dotando a propia Xunta de Galicia, os concellos galegos e os cidadáns, dunha ferramenta necesaria para unha xestión dinámica e eficiente deste.

A incorporación do equipo técnico do SITGA fará posible a realización de traballos de produción, mantemento e actualización das bases cartográficas oficiais da Xunta de Galicia. Estas tarefas producirán un aforro de máis do 30% (estimados nuns 3 millóns de euros en catro anos) na elaboración dos datos e dun 80% na actualización continua destes.

A nova composición implica a modificación da actual estrutura tanto da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe como da Sociedade de Desenvolvemento Comarcal na procura dunha maior eficiencia na súa organización e para evitar a duplicidade de servizos, sen que iso supoña un incremento de gasto de persoal.

Este novo ente constitúe un novo avance do Goberno galego en prol da protección, mellora e ordenación do territorio galego, e unha aposta clara pola eficiencia, o aforro e a sustentabilidade.

Natureza e funcións
O Instituto de Estudos do Territorio crearase como organismo autónomo de carácter administrativo que ten por obxecto a análise, o estudo e o asesoramento das administracións autonómica e municipal en materia de urbanismo, a ordenación do territorio e a protección e xestión da paisaxe. Entre as súas funcións destacan:
  •  Realizar traballos de investigación, análise, estudo e difusión sobre urbanismo e ordenación do territorio.
  • Prestarlles asistencia e asesoramento aos concellos de Galicia para a elaboración do planeamento urbanístico e a xestión e execución do planeamento.
  • Prestarlle apoio á consellaría competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.
  • A compilación e o tratamento da información do territorio galego, así como a produción cartográfica para as diferentes consellerías e organismos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os órganos de goberno deste organismo serán a Presidencia, que lle corresponderá á persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio e ubanismo; e o Consello Reitor, que é o órgano colexiado de goberno integrado pola presidencia, vicepresidencia, secretaría e sete vogais.

En relación coa súa estrutura administrativa destacan o Departamento Xestión Xurídico- Administrativa, que centralizará todo o labor relativo á dita denominación; e o Departamento Técnico de Estudos, no que se integrarán o Servizo de Planificación da Paisaxe, o Servizo de Coordinación e Información Territorial e o Servizo de Estudos respectivamente.

O nacemento do Instituto de Estudos do Territorio obedece á necesidade de dar resposta ao mandato legal inserto na Lei de ordenación do territorio de Galicia. Porén, o cumprimento deste mandato legal faise tendo en conta a oportunidade que supón a aprobación das directrices de Ordenación do Territorio e do Plan de Ordenación do Litoral e a Estratexia Galega da Paisaxe que durante estes dous últimos anos realizou a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe coa estreita colaboración da Subdirección de Sistemas de Información Territorial de Galicia da Sociedade de Desenvolvemento Comarcal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.