2010/03/30

ACTA DA SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DO COMITÉ DE EMPRESA DA SOCIEDADE ANÓNIMA PARA O DESENVOLVEMENTO COMARCAL DE GALICIA DO 26 DE MARZO DE 2010

.
.

ACTA DA SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DO COMITÉ DE EMPRESA
DA SOCIEDADE ANÓNIMA PARA O DESENVOLVEMENTO COMARCAL DE
GALICIA DO 26 DE MARZO DE 2010
ACTA 03/2010


ASISTENTES:

Pola CIG:
Manuel Jorge Dorrego Taín
Gonzalo González Bernárdez
Roberto Blanco Martínez
Carolina Sevilla Carbón
Ana Isabel Paz Villar

Por UGT:
Dominique Aller González
Inmaculada Serantes Durán
María Elena Bernárdez López

Por CCOO:
María Dolores Rodríguez Campos

En Santiago de Compostela, sendo as 10:00 horas do día 26 de marzo de 2010, reúnese en sesión ordinaria o Pleno do Comité de Empresa no centro de traballo da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia coa asistencia das persoas anteriormente relacionadas, segundo a seguinte orde do día:
Punto primeiro.- Lectura e aprobación, se procede, da acta da reunión anterior
Punto segundo.- Análise e discusión do borrador de Anteproxecto de Lei. Incorporación de posibles achegas dos/as traballadores/as. Aprobación, se procede, da redacción do borrador de alegacións e/ou observacións.
Punto terceiro.- Análise da solicitude de proposta de cursos de formación feita por Recursos Humanos
Punto cuarto.- Achegas e preguntas


Punto primeiro:
Foi lida e aprobada por unanimidade a acta da reunión anterior.

Punto segundo:
En data 18 de marzo foi entregado ao Comité de Empresa o borrador de anteproxecto de lei pola que se modifica a Lei 5/2000, do 28 de decembro.

Tras analizar e debater o borrador entregado fixéronse as seguintes propostas:

Na Disposición Adicional Primeira, puntos 3 e 4:
CIG:
  • Proposta de modificación: engadir, onde se di “o persoal que prestaba os seus servizos”, o literal “no momento da integración”, así como onde se di “baixo unha modalidade de contrato laboral fixo”, engadir o literal “ou indefinido”, tal como se fai na disposición adicional terceira punto 4 para o caso do persoal das fundacións comarcais. Apróbase por unanimidade.
  • Proposta de modificación: onde di “terá a opción de integrarse”, cambiar por “se integrará”, de tal xeito que non fose preciso solicitar a integración senón que esta fose a opción por defecto, e sempre e cando este cambio fose posible normativamente. CCOO e UGT advirten neste punto que eles xa estudaron tamén esta posibilidade non sendo posible o cambio, e así se recolleu tamén na Lei 12/2008. Acórdase polo tanto analizar máis en profundidade este punto antes da súa aprobación ou retirada.
  • Proposta de realización dun documento de adscrición: dado que a distribución do persoal entre AGADER e o Instituto de Estudos do Territorio está redactada dun xeito xenérico, proponse realizar un listado posto a posto con base na RPT vixente onde se indique o destino de cada un. Trátase de que sexa un documento de traballo interno a presentar á Dirección para que o confirme ou desminta. Apróbase por unanimidade.
 CIG e UGT:
  • Proposta de modificación: onde di “pasar a prestar servizos... e nas restantes condicións laborais” engadir o literal “que correspondan conforme ao V Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e a outros posibles acordos laborais vixentes”. Apróbase por unanimidade.

CCOO:
  • Proposta de solicitude de análise do texto “e fose seleccionado baixo os principios de publicidade...” na súa afección ao persoal contratado baixo unha modalidade de contrato laboral indefinido. Acórdase por unanimidade analizar máis en profundidade este extremo antes da redacción da proposta CIG de engadir o literal “ou indefinido”.
  • Proposta de análise: estudar a posibilidade de incluír no anteproxecto de lei un proceso de consolidación de emprego para os contratados por obra ou servizo. CIG indica que este proceso se atopa xa regulado no V Convenio e que se podería explicitar a súa aplicación. Acórdase por unanimidade estudar este punto e UGT ofrécese a propoñer a redacción dun texto.
Na Disposición Adicional Oitava:
CIG:
  • Proposta de solicitude de aclaración: Nas funcións do Instituto de Estudos do Territorio faise referencia ao SITGA como entidade. Proponse polo tanto solicitar a información de que xeito se estruturará o SITGA unha vez integrado no Instituto de Estudos do Territorio. Apróbase por unanimidade.
 UGT:
  • Proposta de solicitude de aclaración: Proponse solicitar información da estrutura final de AGADER tras a integración. Apróbase por unanimidade.

Na Disposición Transitoria Única:
CIG e UGT:
  • Proposta de modificación: proponse establecer un punto para o Instituto de Estudos do Territorio e outro para AGADER, indicando que os/as traballadores/as integrado/as tamén se rexerán polo V Convenio. Apróbase por unanimidade.
Na Disposición Derrogatoria Única:
CIG:
  • Proposta de modificación: proponse especificar a derrogación do Artigo 16 punto 1 da Lei 6/2007 do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, onde se indica que os postos de traballo do Instituto de Estudos do Territorio serán cubertos por persoal funcionario. Apróbase por unanimidade.
 Rematada a análise do texto, incorpóranse as achegas dos/as traballadores/as. Ana I. Paz fai entrega das observacións a ela entregadas polos/as 18 traballadores/as seguintes: xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx xxxxx. Todas as solicitudes están debidamente asinadas e fan referencia á incorporación do termo indefinido na disposición adicional primeira punto catro.

 Acórdase por unanimidade establecer o 31 de marzo como data tope para recibir as observacións dos traballadores/as antes da redacción final da proposta a enviar a Dirección, estimada para a semana do 5 de abril.

Punto terceiro:
Ante o escrito presentado a este comité por parte de Recursos Humanos o pasado 11 de marzo solicitando unha proposta de cursos de formación, acórdase por unanimidade e como primeiro paso solicitar a colaboración dos traballadores/as con data tope do 9 de abril.

Punto cuarto:
Ana I. Paz indica que os taboleiros de información comprometidos pola Dirección o pasado 15 de febreiro para os centros comarcais aínda non foron instalados.

Dominique Aller indica que en datas recentes foi celebrado Consello de Administración. Acórdase por unanimidade solicitar certificación dos acordos en materia de persoal.

Dáse por finalizada a sesión ás 11:30h. En proba de conformidade todos os asistentes asinan a presente Acta no lugar e data recollidos no encabezamento desta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.