A CIG exixe a inmediata readmisión de todas as traballadoras e traballadores de AGADER despedidos
Denuncia que
readmitíndoos agora xa terá que pagar uns 100.000 euros, cantidade que
se incrementará canto máis atrase a súa reincorporación
En novembro de 2012 a empresa pública
AGADER procedía á modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) e
despedía así a 23 traballadoras e traballadores. As sete primeiras sentenzas feitas
públicas declaran nulos os despedimentos, o que obriga á súa readmisión e a
pagar a Seguridade Social destes meses ademais dos salarios de tramitación. Renato
Núñez, secretario de Organización da CIG de Compostela demanda a súa inmediata
readmisión, así como a de todas as demais traballadoras e traballadores e
denuncia que se agora o organismo tería que pagar xa uns 100.000 euros, a
cantidade será maior canto máis atrase a súa reincoporación.
Núñez explicou, en
rolda de prensa, que as sentenzas subliñan que AGADER contaba, no momento no
que despediu a estas 23 persoas, cun cadro de persoal de 122 traballadores/as e
que, polo tanto, debía ter optado por
outra fórmula distinta que a da modificación da RPT e proceder a facer un ERE,
cousa que non fixo. Afirma que se se optou por cambiar a RPT foi porque “o ERE
non conseguiría sacalo adiante, porque non terían como xustificalo”.
As sentenzas
publicadas declaran a nulidade dos despedimentos e xa hai data fixada para
outro xuízo. “Estamos convencidos de que tamén se declarará a nulidade e o que
denunciamos é que AGADER o que fixo foi despedimentos de forma subxectiva e intencionada”.
Por iso demanda a readmisión, non só das traballadoras/es que xa teñen
declarada a nulidade por sentenza xudicial, senón das 23 persoas. Explica que
“nalgúns casos poden pasar varios meses até que teñan data de xuízo, o que crea
inseguridade entre eses compañeiros e compañeiras despedidos”.
Denuncia ademais
que poderían estar realizando un traballo efectivo para a administración pública
“facendo o que mellor saben facer, que é o seu traballo” e que esta empresa
pública está malgastando cartos públicos mantendo a esta xente que terá que
readmitir na súa casa, para logo ter que pagar salarios de tramitación por
traballos que non foron realizados”. Neste sentido, un dos traballadores
presentes na rolda de prensa aseguraba que a falta de persoal está provocando
atrasos nas tramitacións de expedientes. En concreto puxo como exemplo que no
Banco de Terras hai xente que solicitou fincas hai un ano e que aínda non ten
resolto o seu expediente. “Nós poderiamos estar dándolles saída e axilizando
trámites”, afirmou.
Renato Núñez
calcula que de ter que readmitir a eses traballadores, AGADER tería que pagar,
xa agora, preto de 100.000 euros en salarios, “por unha decisión arbitraria coa
única intención de desfacerse destes compañeiros e compañeiras”, e que esta
cantidade seguirá incrementándose canto máis se atrase a reincorporación das
persoas despedidas a unha media dun mínimo de 25.000 euros mensuais.
Por iso a CIG
solicitou xa unha xuntanza co Director Xeral de AGADER para dar unha solución
inmediata esta situación que se suma a
outra petición de reunión solicitada hai xa catro meses á conselleira e que non
foi contestada. Núñez denuncia ademais a actitude “irresponsábel” da dirección
deste organismo que malia ter na man as sentenzas de nulidade segue sen
proceder a dar traballo efectivo a estas persoas.
Até tal punto
considera Núñez que desde AGADER se procedeu aos despedimentos de forma
irregular e intencionada que o mesmo día en que se deron a coñecer as primeiras
sentenzas o propio Secretario
Xeral de AGADER presentou a súa dimisión. “É unha forma
patente de ver que eles eran plenamente conscientes de que o que estaban
facendo non estaba ben”.
http://www.galizacig.com/avantar/novas/12-3-2013/a-cig-exixe-a-inmediata-readmision-de-todas-as-traballadoras-e-traballadores-de-agad
NOTICIAS RELACIONADAS
http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/justicia-declara-nulos-siete-despidos-agader-obliga-readmitir-trabajadores/idEdicion-2013-03-12/idNoticia-795774/
http://www.europapress.es/galicia/noticia-justicia-declara-nulos-siete-despidos-agader-obliga-readmitir-trabajadores-20130312132835.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario