2012/01/23
DESPEDIDA DE CIG SODECO
Os representantes da CIG do Comité de Empresa da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia (SODECO), queren comunicar o cesamento a día 31 de decembro de 2011 do dito Comité como consecuencia da disolución de SODECO.
Durante moito tempo o blog foi o referente para atopar toda a documentación relacionada co SODECO, polo tanto pensamos que o mellor é deixalo aberto e que serva como disco duro virtual e como lugar para ter una visión de todo o proceso de disolución de SODECO, así como información e lexislación vixente como o Convenio Colectivo.
Grazas polo voso apoio.
2011/12/29
Consello da Xunta do 29 de decembro de 2011
A XUNTA CREA O INSTITUTO DE ESTUDOS DO TERRITORIO PARA REFORZAR O LABOR DE ASESORAMENTO AOS CONCELLOS E AOS CIDADÁNS EN MATERIA DE URBANISMO E PROTECCIÓN DA PAISAXE
- Neste organismo integraranse a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, e oSistema de Información Territorial de Galicia (SITGA), o que redundará nunha mayor eficacia na xestión e un aforro económico de máis de 3 millóns de euros, evitando duplicidades innecesarias
- O Instituto representa un novo avance do Goberno galego en prol da protección, mellora e ordenación do territorio galego, ao tempo que se da resposta ao mandato legal incluído na Lei de ordenación do territorio e Galicia
O Consello da Xunta na súa reunión de hoxe aprobou o decreto polo que se aproban os estatutos do Instituto de Estudos do Territorio, que o Goberno galego prevé poñer en funcionamento no ano 2012. Trátase dun organismo autónomo que dependerá da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, departamento que crea este instituto para reforzar o labor de asesoramento aos concellos en materia de urbanismo, así como unha resposta áxil e eficaz, a través da utilización eficiente dos recursos públicos, ás necesidades dos cidadáns e dos equipos técnicos que traballan en cuestións relacionadas co territorio e a paisaxe.
Coa constitución deste ente non se incrementará o gasto de persoal e mellorarase a eficiencia e a organización administrativa, evitando duplicidades innecesarias. O instituto integrará a actual Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, a Subdirección de Sistemas de Información Territorial de Galicia (é dicir, o SITGA, ata o de agora incluído na Sociedade de Desenvolvemento Comarcal) e a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica. Así mesmo, no seo do instituto crearase o Observatorio Galego da Paisaxe.
Ademais, coa proposta elaborada estímanse importantes aforros na xestión da información do territorio, dotando a propia Xunta de Galicia, os concellos galegos e os cidadáns, dunha ferramenta necesaria para unha xestión dinámica e eficiente deste.
A incorporación do equipo técnico do SITGA fará posible a realización de traballos de produción, mantemento e actualización das bases cartográficas oficiais da Xunta de Galicia. Estas tarefas producirán un aforro de máis do 30% (estimados nuns 3 millóns de euros en catro anos) na elaboración dos datos e dun 80% na actualización continua destes.
A nova composición implica a modificación da actual estrutura tanto da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe como da Sociedade de Desenvolvemento Comarcal na procura dunha maior eficiencia na súa organización e para evitar a duplicidade de servizos, sen que iso supoña un incremento de gasto de persoal.
Este novo ente constitúe un novo avance do Goberno galego en prol da protección, mellora e ordenación do territorio galego, e unha aposta clara pola eficiencia, o aforro e a sustentabilidade.
Natureza e funcións
O Instituto de Estudos do Territorio crearase como organismo autónomo de carácter administrativo que ten por obxecto a análise, o estudo e o asesoramento das administracións autonómica e municipal en materia de urbanismo, a ordenación do territorio e a protección e xestión da paisaxe. Entre as súas funcións destacan:
- Realizar traballos de investigación, análise, estudo e difusión sobre urbanismo e ordenación do territorio.
- Prestarlles asistencia e asesoramento aos concellos de Galicia para a elaboración do planeamento urbanístico e a xestión e execución do planeamento.
- Prestarlle apoio á consellaría competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.
- A compilación e o tratamento da información do territorio galego, así como a produción cartográfica para as diferentes consellerías e organismos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Os órganos de goberno deste organismo serán a Presidencia, que lle corresponderá á persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio e ubanismo; e o Consello Reitor, que é o órgano colexiado de goberno integrado pola presidencia, vicepresidencia, secretaría e sete vogais.
En relación coa súa estrutura administrativa destacan o Departamento Xestión Xurídico- Administrativa, que centralizará todo o labor relativo á dita denominación; e o Departamento Técnico de Estudos, no que se integrarán o Servizo de Planificación da Paisaxe, o Servizo de Coordinación e Información Territorial e o Servizo de Estudos respectivamente.
O nacemento do Instituto de Estudos do Territorio obedece á necesidade de dar resposta ao mandato legal inserto na Lei de ordenación do territorio de Galicia. Porén, o cumprimento deste mandato legal faise tendo en conta a oportunidade que supón a aprobación das directrices de Ordenación do Territorio e do Plan de Ordenación do Litoral e a Estratexia Galega da Paisaxe que durante estes dous últimos anos realizou a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe coa estreita colaboración da Subdirección de Sistemas de Información Territorial de Galicia da Sociedade de Desenvolvemento Comarcal.
2011/12/28
NOTA INFORMATIVA
Nota informativa das reunións celebradas o dia 27 de decembro nas dependencias da Barcia é na consellería do Medio Rural
A) Reunión na Sociedade Comarcal
O Director Xerente convoca ao Comité de Empresa para facer entrega do borrador da "Proposta
de Resolución Conxunta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e
Infraestruturas
e do Medio Rural, pola que se concretran os postos de traballo que se
adscriben ao organismos autónomo Instituto de Estudos do Territorio e á
Axencia Galega de Desenvolvemento Rural procedentes da Sociedade Anónima
para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia
e do Bantegal"
B) Reunión en MEDIO RURAL
Dende as Consellerías do Medio Ambiente e Medio Rural, convocouse as centrais sindicais para presentarlles a " Proposta
de Resolución Conxunta da Consellería de Medio
Ambiente, Territorio e Infraestruturas e do Medio Rural, pola que se
concretran os postos de traballo que se adscriben ao organismos autónomo
Instituto de Estudos do Territorio e á Axencia Galega de
Desenvolvemento Rural procedentes da Sociedade Anónima para
o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e do Bantegal"
A esta reunión asistiron tres representantes do Comité de empresa de SODECO, un por cada sindicato, en calidade de "asesores"
Pola administración estaban presentes O Secretario Xeral do Medio Rural e o Vicesecretario Xeral de Medio Ambiente
1.- Entrega do novo borrador da proposta (achégase copia)
2.- O Secretario do Medio Rural di que o "decreto polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio", se aprobará o dia 29 de decembro no consello da Xunta.
3.- Convocase a unha comisión para o venres 30 que analizará a "proposta de resolución conxunta" das consellerías, onde as centrais sindicais designarán a un representante, podendo facer comentarios ou alegacións sobre o texto.
4.- Unha vez publicado o "decreto dos estatutos do Instituto", constituirase unha "comisión de valoración", como se di na disposición adicional sexta punto catro.
Non se establece data para isto.
5.- A resolución da proposta terá que ser notificada aos interesados comunicandolles a súa adscrición
6.- Logo se dará opción de integración ao persoal laboral fixo (tampouco hai data), o resto de persoal o asumen directamente os novos entes.
7.- Tamen se nos di que se asumen todos os obra e servizo como persoal indefinido non fixo, como asi aparece nos anexos do borrador da proposta de resolución conxunta.
8.- En resumen, que unha vez publicado o "decreto polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio", este desenvolverase segundo di o seu articulado e disposicións.
2011/12/19
COMUNICADO DE APOIO AOS AFECTADOS POLOS RECORTES DO CONCELLO DE AMES
O grupo CIG do Comité de Empresa da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia amosa o seu apoio aos traballadores/as do Concello de Ames afectados pola persecución que sofren polo goberno municipal mediante unha suposta regulación laboral que pon en risco os seus postos de traballo.
2011/12/16
CONVOCATORIA DE ASAMBLEA
Recibida autorización para celebrar Asamblea de traballadores da Sociedade, o Comité de Empresa convócavos a todos o vindeiro martes 20 de decembro ás 12.00 horas na Sala de Xuntas da Sociedade.
Orde do día:
1.- Análise do estado actual da disolución da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.
2.- Achegas e Preguntas.
Comité de Empresa, 16 de decembro de 2011
Suscribirse a:
Entradas (Atom)
