2011/06/06

O CONSELLO ADSCRIBE AO PERSOAL DAS FUNDACIÓNS COMARCAIS EN ENTES DE MEDIO RURAL, EN EXECUCIÓN DO PLAN DE AVALIACIÓN DE ORGANISMOS DEPENDENTES

O CONSELLO ADSCRIBE AO PERSOAL DAS FUNDACIÓNS COMARCAIS EN
ENTES DE MEDIO RURAL, EN EXECUCIÓN DO PLAN DE AVALIACIÓN DE
ORGANISMOS DEPENDENTES

  • A medida enmárcase no cumprimento da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, a través da cal o Consello da Xunta autorizou o pasado 13 de xaneiro a extinción das fundacións comarcais
  • Esta lei posibilita que o persoal laboral indefinido -que fose seleccionado baixo os principios de publicidade, mérito e capacidade- se adscriba a entidades instrumentais do sector público autonómico competentes en materia de medio rural

O Consello da Xunta aprobou hoxe o acordo polo que se adscribe provisionalmente ao persoal procedente das fundacións de desenvolvemento comarcal ás entidades instrumentais do sector público autonómico competentes en materia de medio rural.

A medida enmárcase no cumprimento da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, a través da cal o Consello da Xunta autorizou o pasado 13 de xaneiro a extinción das fundacións para o desenvolvemento das comarcas. Esta lei posibilita que o persoal laboral indefinido -que fose seleccionado baixo os principios de publicidade, mérito e capacidade- se integre nas entidades instrumentais do sector público autonómico competentes en materia de medio rural.

Esta acción contémplase dentro das actuacións para a execución do Plan de Avaliación de Organismos dependentes da Xunta de Galicia aprobado en abril do pasado ano 2010. A medida adóptase dentro dunha situación actual de austeridade e supón un aforro anual de máis de 400.000 euros.

Fundacións comarcais
As Fundacións comarcais foron creadas no ano 1990 para lograr a aplicación do plan comarcal, estas tarefas poden realizarse actualmente dende outros departamentos da Xunta, sen a necesidade de ter estes organismos de dedicación exclusiva. De xeito, os programas europeos (LEADER e PRODER) e outras estratexias de desenvolvemento rural están sendo xestionados e coordinados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), ente adscrito á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA
QUE TIVO LUGAR EN SAN CAETANO,
O 3 DE XUÑO DE 2011,
BAIXO A PRESIDENCIA DO
SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO

Gabinete de Comunicación
San Caetano, s/n - 15704 Santiago de Compostela
Tel.: 981 541 238/42/51 - Fax: 981 541 252/41
Correo-e: gabinete@xunta.es

A XUNTA COMPLETA A EXTINCIÓN DE 42 ORGANISMOS INCLUÍDOS NO PLAN DE RACIONALIZACIÓN E PON EN MARCHA A SEGUNDA FASE

A XUNTA COMPLETA A EXTINCIÓN DE 42 ORGANISMOS INCLUÍDOS NO
PLAN DE RACIONALIZACIÓN E PON EN MARCHA A SEGUNDA FASE


  • O aforro duplica o estimado inicialmente e ronda os 21 millóns de euros
  • Galicia foi pioneira en apostar polo adelgazamento da Administración paralela
  • O II Plan de racionalización analizará outros 52 entes para buscar máis eficacia

O Consello da Xunta analizou hoxe o cuarto informe trimestral de seguimento da execución do Plan de racionalización dos organismos dependentes do Goberno galego, onde se destaca que, un ano despois da súa posta en marcha, se completou a eliminación dos 42 organismos que tiñan orde de extinción e se duplicou o aforro estimado inicialmente, chegando aos 20,9 millóns de euros.

Boa parte do aforro, ata o 60 por cento, provén dos 42 entes eliminados e dos outros 6 nos que se afrontou unha reestruturación, aínda que é de destacar que o outro 40 por cento –máis de 8 millóns de euros- provén das melloras introducidas nos outros 16 organismos avaliados nos que o plan apostaba pola súa continuidade, introducindo cambios para buscar unha maior eficacia e eficiencia.

Precisamente na procura desa maior eficacia e eficiencia na Administración paralela, o Consello da Xunta deulle hoxe o visto e prace á posta en marcha da segunda fase do Plan de Racionalización dos Organismos dependentes, unha vez está xa ultimada a primeira fase. Un proceso de avaliación no que Galicia foi pioneira, converténdose na primeira Administración do Estado en abordar un proceso integral de adelgazamento e racionalización da chamada Administración paralela.

Todo iso a través dun plan cuxa execución se iniciou en abril de 2010, que está a permitir evitar duplicidades, gañar eficiencia e eficacia e adecuar a dimensión e contidos da Administración galega ás necesidades actuais. Uns obxectivos que tamén persegue a segunda fase do plan, na que se avaliarán outros 52 organismos, da chamada Administración paralela, para concluír, se é preciso o seu mantemento, a súa reformulación ou á súa extinción.

Os organismos que se van analizar nesta segunda fase son o Consorcio Galicia 2005 ‘Volta ao mundo a vela’; os consorcios comarcais de servizos contra incendios do Carballiño-Ribeiro, A Limia, Valdeorras, Verín, Morrazo, Salnés, Baixo Miño, Condado e Louriña e Deza e Tabeirós; a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp); a Escola Galega de Administración Pública (Egap); o Instituto Galego de Cooperación Iberoamericana (IGACI); A Fundación Galicia Europa; o Consorcio Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) e os Xestur da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Tamén se analizarán nesta quenda a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada; Expourense; a Fundación Feiras e Exposicións de Lugo; a Fundación Feiras e Exposicións para o desenvolvemento de Galicia (Fexdega); a Fundación Instituto Feiral da Coruña (Ifeco); a Fundación Instituto Feiral de Vigo (Ifevi); o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA); o Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia (CEEI Galicia); Galicia Calidade; o Centro Oncolóxico de Galicia; a Fundación Galega de Medicina Xenómica; e as fundacións públicas Centro de Transfusións de Galicia, Escola Galega de Administración Sanitaria (FEGAS) e Urxencia Sanitaria 061; Instituto Galego de Oftalmoloxía; e Galaria, empresa Pública
de Servizos Sanitarios.

Así mesmo, a Xestión Plan Xacobeo SA; a Fundación Cidade da Cultura; o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA); a Fundación Centro tecnolóxico da Carne; o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA); a Xenética Fontao; o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR), a Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e Portos de Galicia, tamén serán obxecto de análise.

Por último, o Plan tamén avaliará o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI); a Estación de Inverno de Manzaneda; a Fundación Centro Tecnolóxico Téxtil; a Fundación Centro Galego do Plástico; os cursos internacionais Universidade Santiago de Compostela; o Centro Galego de Arte Contemporánea; o Consello de Xuventude de Galicia; a Fundación Escola Agrícola Pedro Murias e a Fundación Mar de Galicia.

Balanzo primeira fase
En canto aos entes incluídos na primeira fase do plan, procedeuse xa á extinción do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller; da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, das 34 fundacións comarcais, da Fundación Milenio; da Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola; da Axencia Humanitaria de Galicia; da Fundación Galega para a Prevención de Riscos Laborais; e da Fundación Galicia Emigración.

No caso do último que quedaba por suprimir, a Sociedade Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense S.A., autorizouse no Consello da Xunta do pasado 31 de marzo a súa absorción pola Sociedade Pública de Investimentos, estando prevista que a súa refundición neste organismo sexa plenamente efectiva este mesmo mes, coa inscrición da Escritura Pública no Rexistro Mercantil.

Reformulación e mellora
En canto ao resto de organismos, todo está ultimado para que o Consello da Xunta proceda á disolución do Bantegal e a asunción das súas competencias por parte de Agader; xa se teñen completados os trámites para que se poida completar a fusión por absorción da Fundación Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia (CETIL) no Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL); e formalizouse a separación da Xunta de Galicia da Sociedade Galega de Servizos Sociais (Sogaserso), mediante a venda ante notario das accións do Executivo galego na dita sociedade.

Finalmente, os organismos sometidos a procesos de reordenación son os que, pola súa estrutura e competencias, ofrecen unha maior complexidade, de tal xeito que as actuacións a levar a cabo neles se estenderán máis alá de 2011, tal e como estaba xa previsto no plan. Trátase da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA
QUE TIVO LUGAR EN SAN CAETANO,
O 3 DE XUÑO DE 2011,
BAIXO A PRESIDENCIA DO
SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO

Gabinete de Comunicación
San Caetano, s/n - 15704 Santiago de Compostela
Tel.: 981 541 238/42/51 - Fax: 981 541 252/41
Correo-e: gabinete@xunta.es

2011/06/01

Reunión informativa coa Dirección Xeral da Función Pública de 26/05/2011

Escrito por Fulgencio Fernández Martínez e Roxerio Roxo Carrillo
Xoves, 26 Maio 2011 20:39

O xoves 26 de maio, a Dirección Xeral da Función Pública mantivo unha reunión con todas as organizacións sindicais para informar dos seguintes temas:

O xoves 26 de maio, a Dirección Xeral da Función Pública mantivo unha reunión con todas as organizacións sindicais para informar dos seguintes temas:

- O venres 27 de maio publicarase no DOG a Orde do 25 de maio de 2011 pola que se regula a tarxeta do persoal ao servizo do sector público autonómico. A intención da Administración é implantar este novo sistema en servizos centrais, extendéndoo progresivamente a todo o persoal da Xunta de Galicia. Procederase a mudar as actuais tarxetas identificativas usadas pola maioría das consellerías por unhas novas tarxetas dixitais, que servirán tanto para asinar desde o ordenador (sinatura electronica) e como para o control da xornada laboral do persoal.

- En torno aos meses de setembro ou outubro, presentarase un novo decreto que regulara o teletraballo e os distinto tipos de xornada do persoal (flexible, etc.).

- En breve remitiranse ás OOSS propostas sobre integración das fundación comarcais de Medio Rural e a Fundación Galicia-Saúde.

- Canto ao control do absentismo laboral, Función Pública anunciou que haberá un seguimento pola Consellería de Sanidade en casos de baixas reiteradas ou de invalideces provisionais.

A CIG-Autonómica preguntou polos seguintes temas:

- Sobre o cronograma actual e as previsións de datas das futuras convocatorias de oposicións, Función Pública informou que a Consellería de Facenda comprobará en breve a dispoñibilidade de crédito para poder cumprir os prazos anunciados, tanto para o acceso libre como para a promoción interna.

-Función Pública informou que o futuro decreto de funcións e RPTs de Veterinarios aprobaranse probablemente o mes que vén, e que a intención da Administración é que o concurso deste corpo sexa antes do verán. Así mesmo, informouse de que se hai mais das prazas vacantes das ofertadas no 2008, a convocatoria será en xuño; en caso contrario, están pensando en reducir a oferta.

- Sobre os concursos de escalas: Función Pública anunciou que ten intención de aprobar o concurso da escala de informática antes do verán; no caso dos Gardacostas, Función Pública convocará ás OOSS en xuño para tratar o futuro concurso de traslados e a toma de posesión definitiva dos traballadores que están en destino provisional.

- En relación ao novo concurso de persoal funcionario de Administración xeral, Función Pública informou que tratarán de aprobalo en xuño ou, de non ser posible antes do verán, en setembro.

- Canto ao concurso de persoal laboral dos grupos I, II, III e IV, Función Pública informou que a intención da Administración é de aprobalo proximamente, e seguidamente tratar o proceso de consolidación de persoal laboral. Convocarán aos sindicatos en xuño.

- Función Pública informou tamén de que teñen intención de anunciar en xuño novidades sobre a promoción por consolidación de grao para o grupo C, pendente de desenvolver desde a aprobación do Acordo de mellora e ordenación do emprego do ano 2008.

-Por último, Función Pública anunciou que a elección de destino definitivo para o persoal funcionario do subgrupo C1 consolidación realizarase despois do concurso de traslados.

2011/05/26

ACTA DA SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DO COMITÉ DE EMPRESA DA SOCIEDADE ANÓNIMA PARA O DESENVOLVEMENTO COMARCAL DE GALICIA DO 20 DE MAIO DE 2011

 .
ACTA DA SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DO COMITÉ DE EMPRESA
DA SOCIEDADE ANÓNIMA PARA O DESENVOLVEMENTO COMARCAL
DE GALICIA DO 20 DE MAIO DE 2011
ACTA 3/2011


ASISTENTES:

Pola CIG:
Manuel Jorge Dorrego Taín
Gonzalo González Bernárdez
Roberto Blanco Martínez
Carolina Sevilla Carbón

Por UGT:
Dominique Aller González
Inmaculada Serantes Duran
María Elena Bernárdez López

Por CCOO:
María Dolores Rodríguez Campos

En Santiago de Compostela, sendo as 13:00 horas do día 20 de maio de 2011, reúnese en sesión ordinaria o Pleno do Comité de Empresa no centro de traballo da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia coa asistencia das persoas anteriormente relacionadas, segundo a seguinte orde do día:

Punto primeiro.- Lectura e aprobación, se procede, da acta da reunión anterior
Punto segundo.- Análise das propostas presentadas para o programa de formación 2011
Punto terceiro.- Achegas e preguntas

Punto primeiro:
Foi lida e aprobada por unanimidade a acta da reunión anterior.

Punto segundo:
Tras analizar as propostas presentadas, acórdase por unanimidade enviar á Dirección un resumo delas segundo o que segue:
  1. Continuidade do curso 2010 de ERDAS Imagine nun novo curso de nivel avanzado.
  2. Continuidade do curso 2010 de Desenvolvemento SIX en base a un nivel avanzado de OpenLayers e programación de Mapserver con bases de datos con PHP.
  3. GVSIG, GVSIG Sextante e GVSIG Mobile.
  4. LIDAR.
  5. Linguaxe administrativa.
  6. Microsoft Office de nivel avanzado.
  7. Deseño de páxinas web.
Asemade acórdase por unanimidade solicitar ao Director Xerente o orzamento dispoñible para formación para 2011, así como o listado de cursos aceptados para nunha reunión posterior poder concretar os seus temarios.

Punto terceiro:
Non se formularon achegas nin preguntas.

Dáse por finalizada a sesión ás 13:45h. En proba de conformidade todos os asistentes asinan a
presente Acta no lugar e data recollidos no encabezamento desta.

2011/04/18

ACTA DA SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DO COMITÉ DE EMPRESA DA SOCIEDADE ANÓNIMA PARA O DESENVOLVEMENTO COMARCAL DE GALICIA DO 14 DE ABRIL DE 2011

.
.
ACTA DA SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DO COMITÉ DE EMPRESA
DA SOCIEDADE ANÓNIMA PARA O DESENVOLVEMENTO COMARCAL
DE GALICIA DO 14 DE ABRIL DE 2011
ACTA 2/2011


ASISTENTES:

Pola CIG:
Manuel Jorge Dorrego Taín
Gonzalo González Bernárdez
Roberto Blanco Martínez

Por UGT:
Dominique Aller González
Inmaculada Serantes Duran

Por CCOO:
María Dolores Rodríguez Campos

En Santiago de Compostela, sendo as 13:00 horas do día 14 de abril de 2011, reúnese en sesión ordinaria o Pleno do Comité de Empresa no centro de traballo da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia coa asistencia das persoas anteriormente relacionadas, segundo a seguinte orde do día:

Punto primeiro.- Lectura e aprobación, se procede, da acta da reunión anterior
Punto segundo.- Proposta de solicitude de información do estado do Decreto que desenvolve a Lei 15/2010 no que afecta a SODECO. Debate e aprobación, se procede.
Punto terceiro.- Proposta de solicitude de información do programa de formación 2010, en especial sobre o curso aínda non realizado de Erdas Imagine. Debate e aprobación, se procede.
Punto cuarto.- Análise dos escritos e solicitudes recibidos no Comité de Empresa. Debate e aprobación, se procede, das posibles respostas ou actuacións.
Punto quinto.- Análise da solicitude da empresa de suxestións para o programa de
formación 2011.
Punto sexto.- Achegas e preguntas

Punto primeiro:
Foi lida e aprobada por unanimidade a acta da reunión anterior.

Punto segundo:
O Presidente lembra que o pasado 11 de febreiro o Director Xerente comunicou ao Comité de Empresa que o borrador de Decreto de desenvolvemento da Lei 15/2010 estaba próximo a rematarse polo que nos vindeiros días o entregarían para consulta.

UGT propón, dado que xa pasaron dous meses daquela comunicación sen novidade algunha, se solicite novamente información da situación actual do devandito Decreto. Acórdase por unanimidade solicitar por escrito ao Director Xerente esta información.

Punto terceiro:
Todos os presentes, agás María Dolores Rodríguez que manifesta non ter información, indican que os cursos de formación xa impartidos do programa 2010 sufriron cambios importantes no programa acordado coa empresa. Tamén se indica que os docentes do curso por realizar de Erdas Imagine non van ser os inicialmente aprobados (Tecnogeo, S.L.), senón membros do grupo SIT da Universidade de Santiago de Compostela, información proporcionada por Miguel Cordeiro, do propio grupo SIT, aos alumnos do curso xa celebrado de Desenvolvemento SIX, entre os que se atopaban catro membros do Comité de Empresa (Manuel Jorge Dorrego, Gonzalo González, Roberto Blanco e Inmaculada Serantes).

CIG e UGT propoñen solicitar información á empresa das motivacións destes importantes cambios sen previo aviso no programa de formación. Acórdase por unanimidade solicitar por escrito ao Director Xerente información sobre estes cambios.

Punto cuarto:
O Secretario lembra as distintas comunicacións recibidas no Comité de Empresa desde o pasado 25 de xaneiro de 2011. As comunicacións enviadas polos traballadores ao comité de empresa considéranse confidenciais, polo que non se reflectirán nesta acta.

Punto quinto:
O Secretario lembra que o Director Xerente solicitou o pasado 15 de febreiro ao Comité de Empresa suxestións de posibles cursos para telo en conta no programa de formación 2011. Acórdase por unanimidade solicitar opinións de todos os traballadores, tal e como se fixera para o programa de formación 2010, poñendo como data límite de entrega ao Comité de Empresa das suxestións o venres 13 de maio.

Punto sexto:
Non se formularon achegas nin preguntas.

Dáse por finalizada a sesión ás 14:30h. En proba de conformidade todos os asistentes asinan a presente Acta no lugar e data recollidos no encabezamento desta.
 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.