2010/06/16

MESA XERAL 7/6/2010. O RECORTE NA XUNTA


Escrito por Alexandre Prieto   
Mércores, 09 Xuño 2010 10:20
.
O luns 7 de xuño tivo lugar a Mesa Xeral de Empregados Públicos na que se concreta o recorte das nosas retribucións. Con este trámite de audiencia, os responsábeis políticos da Administración Galega nos presentaron o Anteproxecto de Lei que modifica a Lei de Orzamentos e con ela executan o recorte salarial. A comedia contou coa presenza, como estrela convidada, do Director Xeral de Orzamentos, quen cunha magnífica actuación manifestou que estaba en desacordo co recorte, pero que non lles quedaba outra.
.
Dende a CIG manifestamos o noso total rexeitamento tanto ao contido do documento como ás formas (enviado ao final da mañá do venres, mediando so o fin de semana para o seu estudo). Os traballadores e traballadoras non somos culpábeis da crise, non somos quenes fixemos caixa especulando neste sistema capitalista sen control, e non temos porque ser os pagotes. Non nos poden pedir que asumamos sen patalexar un novo sacrificio (e xa van moitos, tanto nas vacas fracas como nas gordas).
.
Prodúcenos noxo o preámbulo do anteproxecto, un texto propagandístico que culpa a outros do recorte. A este respecto, lembramos aos responsábeis políticos e ao partido que o sustenta que se realmente están en contra tal e como manifesta o PP en Madrid, en Galiza, en troques de laiarse, deberían interpoñer un recurso  de conflicto de competencias ou de inconstitucionalidade contra unha lei estatal que invade competencias autonómica (os importes dos complementos non é norma básica).
.
Rebatendo á insistencia do D.X. de Orzamentos da necesidade do recorte para adicalo a reducir o endebedamento público, lembrámoslle a alegría coa que tiran o diñeiro dos cidadáns en todo tipo de conceptos inútiles e moitas veces obscenos (Plus dos Altos Cargos, pagas vitalicias a deputados/as, suba salarial a xefes/as territoriais, ..). A súa resposta ao Plus dos Altos Cargos é simplemente indignante e foi merecedora dun aplauso: eles tamén van sufrir o doloroso recorte do 8% nese Plus.
.
Xa rematando, facemos eco da nota de prensa que publicou o goberno tralo Consello da Xunta do xoves en que aprobaron o anteproxecto: “O GOBERNO GALEGO BAIXARÁ UN 15% AS RETRIBUCIÓNS DO SEU PRESIDENTE, UN 10% AS DOS CONSELLEIROS E UN 8% AS DOS DIRECTORES CON RESPECTO A 2009”. Quen non coñeza o conflicto polo miudo pode chegar á idea errada de que serán eles, os dirixentes políticos, quenes van soportar, pobriños, a reducción do gasto.

A crise, que a pague o capital.


RECORTE SALARIAL DO PERSOAL LABORAL

Escrito por Anxo Anta   
Venres, 11 Xuño 2010 08:48 
 .
O día 9 de xuño a Xunta de Galicia convocou ás organizacións sindicais para informarnos da aplicación do recorte salarial ao persoal laboral. A CIG deixa claro ao principio da xuntanza que se está a vulnerar o dereito á negociación colectiva ao vir imposto pola Administración. A negociación debería ser previa ao RD-L do goberno e polo tanto consideramos que vulnera tal dereito e que hai indicios de inconstitucionalidade.
.
Estamos nesta xuntanza en virtude do dereito de participación institucional pois só se nos vai informar sen que sexa unha negociación efectiva e real. Esixímoslle á Xunta que interpoña recurso de inconstitucionalidade e un conflito positivo de competencias. En todo caso, dado que noutras administracións gobernadas polo PP se están a estudar fórmulas para que o recorte non se vexa reflectido nas nóminas dos traballadores por vulnerar o dereito á negociación, esixímoslle á Xunta que actúe de igual xeito, que busque alternativas e que non aplique unha norma invasora das competencias da Comunidade.
.
Ao non haber negociación efectiva o recorte vai ser imposto de xeito unilateral pola Xunta, o cal nos vai a levar a xudicializar o proceso, a non ser que teñan vontade política de non aplicalo. A CIG non vai negociar ningún recorte nos salarios dos/as traballadores/as. Queremos ademais salientar as consecuencias nefastas, especialmente para os grupos baixos, da aplicación deste recorte. Non aplicalo ou como aplicalo depende exclusivamente da vontade política da Xunta.

CCOO e CSIF manifestáronse no mesmo sentido que a CIG.



ACTA DA SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DO COMITÉ DE EMPRESA DA SOCIEDADE ANÓNIMA PARA O DESENVOLVEMENTO COMARCAL DE GALICIA DO 14 DE XUÑO DE 2010

 .
.

ACTA DA SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DO COMITÉ DE EMPRESA
DA SOCIEDADE ANÓNIMA PARA O DESENVOLVEMENTO COMARCAL
DE GALICIA DO 14 DE XUÑO DE 2010
ACTA 07/2010


ASISTENTES:

Pola CIG:
Manuel Jorge Dorrego Taín
Gonzalo González Bernárdez
Roberto Blanco Martínez
Carolina Sevilla Carbón

Por UGT:
Dominique Aller González
Inmaculada Serantes Durán
María Elena Bernárdez López

Por CCOO:
María Dolores Rodríguez Campos

En Santiago de Compostela, sendo as 13:00 horas do día 14 de xuño de 2010, reúnese en sesión ordinaria o Pleno do Comité de Empresa no centro de traballo da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia coa asistencia das persoas anteriormente relacionadas, segundo a seguinte orde do día:

Punto primeiro.- Lectura e aprobación, se procede, da acta da reunión anterior
Punto segundo.- Análise e discusión do acordo do Consello da Xunta de modificación da Lei de Orzamentos. Debate e votación, se procede, dos pasos a seguir.
Punto terceiro.- Análise da solicitude de informe do novo borrador de anteproxecto de lei. Debate e votación, se procede, dos pasos a seguir.
Punto cuarto.- Proposta de solicitude de reunión co Director Xerente para analizar a demanda dos cursos de formación. Debate e aprobación, se procede.
Punto quinto.- Achegas e preguntas

Punto primeiro:
Foi lida e aprobada por unanimidade a acta da reunión anterior.

Punto segundo:
O Presidente deu lectura da nota de prensa do Consello da Xunta do 3 de xuño de 2010, onde o goberno galego decide cumprir o establecido no Real decreto lei 8/2010 e axustar un 5% a masa salarial dos empregados públicos. Asemade, decide ordenar aos membros dos consellos de administración das empresas públicas que inicien as negociacións para que o seu persoal teña o mesmo axuste. CIG informa que en data 4 de xuño o executivo galego entrega aos sindicatos o borrador de modificación da lei de orzamentos, necesario para levar á práctica o acordo e o 7 de xuño reúne á Mesa da Función Pública para informalos. CIG fai entrega ao Comité de Empresa deste texto de Anteproxecto para modificar a lei de orzamentos.

Acórdase por unanimidade agardar e seguir analizando as implicacións que este anteproxecto poda ter en SODECO.

Punto terceiro:
Ante a petición oficial por parte da Dirección de emisión de informe preceptivo sobre o borrador de Anteproxecto de Lei pola que se modifica a Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo e se reorganizan os instrumentos de xestión da Xunta de Galicia no eido do desenvolvemento rural, CIG propón solicitar unha reunión urxente co Conselleiro Delegado posto que aínda non foron contestadas as alegacións nin aclaradas as dúbidas formuladas o pasado 6 de abril.

Acórdase por unanimidade solicitar a citada reunión para aclarar as cuestións pendentes antes da posible emisión do informe.

Punto cuarto:
M. Dolores Rodríguez informa que o técnico de recursos humanos díxolle que estaba rematando de preparar a información relativa aos cursos de formación e que nos próximos días se nos chamará para organizar os cursos. Acórdase por unanimidade agardar a ser chamados ata a próxima reunión do comité, na que se volverá a tratar este tema.

Punto quinto:
Non se formularon achegas nin preguntas.

Dáse por finalizada a sesión ás 14:00h. En proba de conformidade todos os asistentes asinan a presente Acta no lugar e data recollidos no encabezamento desta.

2010/06/15

NOTA INFORMATIVA COMITÉ DE EMPRESA 10 DE XUÑO DE 2010

 .
.

O Comité de Empresa informa que no día de onte celebrou sesión plenaria onde se trataron os seguintes temas:


Entrégasenos un novo borrador que respecto do entregado o 18 de marzo en nada cambia respecto a SODECO. Non foi atendida nin unha soa das alegacións que formulamos o 6 de abril, así como tampouco se dan explicacións da non aceptación das alegacións e nin tan sequera se dá resposta ás preguntas que formulabamos como dúbidas.

Ante esta situación acordamos por unanimidade solicitar unha reunión urxente co Conselleiro Delegado co obxectivo de aclarar as cuestións pendentes. Xuntámosvos o novo borrador.

2. Decisión do goberno da Xunta de cumprir o Real decreto lei 8/2010
En data 25 de maio entrou en vigor o Real Decreto-ley 8/2010, de 20 de mayo, por el que se adoptan medidas extraordinarias para la reducción del déficit público. En principio SODECO non se vía afectada por esta norma de redución do 5% do salario dos empregados públicos pola súa Disposición Adicional Novena, pola que “Lo dispuesto en la Ley 26/2009, de 23 de diciembre, de Presupuestos Generales del Estado para 2010, en la redacción dada por el presente Real Decreto-Ley en lo relativo a la reducción salarial, no será de aplicación al personal laboral no directivo de las sociedades mercantiles a que se refiere el apartado Uno.g) del artículo 22”

En data 3 de xuño o Consello da Xunta decide cumprir o establecido no Real decreto lei 8/2010 e axustar un 5% a masa salarial dos empregados públicos. Asemade, decide ordenar aos membros dos consellos de administración das empresas públicas que inicien as negociacións para que o seu persoal teña o mesmo axuste. Este día foi o primeiro do que tivemos coñecemento oficial de que a redución salarial tamén lle afectaría a SODECO por decisión da Xunta. Xuntamos nota de prensa da Xunta.

En data 4 de xuño o executivo galego entrega aos sindicatos o borrador de modificación da lei de orzamentos, necesario para levar á práctica o acordo e o 7 de xuño reúne á Mesa da Función Pública para informalos. Tivemos acceso a este borrador, que vos xuntamos.

En data 10 de xuño o Consello da Xunta aproba o Anteproxecto para modificar a Lei de Orzamentos en vigor e cumprir así o Real Decreto Lei 8/2010 do Goberno central que obriga a rebaixar un 5% a masa salarial dos empregados públicos. Ás empresas públicas, a Xunta retiraralles do seu orzamento a cantidade correspondente ao 5% das retribucións globais de persoal e os seus consellos de administración abrirán un
proceso de negociación para detraer esa cantidade. Logo da aprobación deste anteproxecto polo Consello da Xunta, o texto remitirase ao Parlamento para que sexa debatido polo procedemento de lectura única, co fin de que poida ser aprobado este mes para que o axuste salarial establecido polo Goberno central se aplique xa nas nóminas de xuño.

Acordamos por unanimidade agardar e seguir analizando as súas implicacións.

3. Cursos de formación
Continuamos agardando que dende dirección nos convoquen a analizar a demanda dos cursos ofertados.

Por outra banda, informamos que en data 7 de xuño a empresa comunica que as Direccións Xerais de Función Pública e Orzamentos emitiron informe desfavorable para a convocatoria da praza de Técnico de Estudos e Proxectos (vacante no cadro de persoal e ocupada polo de agora en interinidade). En vista desta resolución, a Dirección comunicounos verbalmente que quedan canceladas as solicitudes de demais prazas a convocar de Xestor/a de Centro Comarcal para este ano 2010.

Comité de Empresa, 15 de xuño de 2010


2010/06/14

LOITA COA CIGA O 17 DE XUÑO

 .
.
Non o permitamos!!!

Loita coa CIG o 17 de xuño

Por que unha nova Reforma Laboral cando despedir máis facilmente non crea emprego, senón que o destrúe. Reducir salarios non crea riqueza, paraliza o consumo e desactiva a economía. Pensa por que os países con salarios máis altos son os que menos sofren esta crise, teñen menor desemprego e menor precariedade nos contratos. Unha nova Reforma Laboral que ademais quere reducir pensións, ceder a xestión dos contratos a axencias privadas e ETTs, flexibilizar a xornada de traballo e desregular a negociación dos convenios para abaratar salarios e empeorar as condicións de traballo.

A que nos enfrontamos a clase traballadora diante desta crise?

UGT e CCOO teñen asinado nestes anos moitas reformas que abarataron o despedimento e reduciron salarios, pero a nosa loita é a única resposta para paralizar as reformas.

1ª.- Preguntémonos por que por primeira vez na historia en Galiza, o 20% da poboación acumula mais riqueza que o 80% restante que somos a clase traballadora?
Hai 30 anos en Galiza, cando éramos menos de 450.000 asalariados, traballadores e traballadoras, agora somos 900.000; o peso dos nosos salarios no PIB representaba o 63% mentres as rendas do capital (empresarios, executivos, profesións liberais) representaban apenas o 24%. Hoxe os salarios representan o 42% e as rendas do capital o 44%. Somos o dobre que daquela, pero diminuímos a nosa riqueza mentres os
ricos son moito máis ricos.
Mais do 60% dos salarios en Galiza non supera os 1.000€. Hoxe unha familia necesita traballar home e muller para defender a súa economía, e maioritariamente nos sectores con baixos salarios búscase o auxilio das horas extras e ademais recorrer ao crédito e ás hipotecas, senón os salarios non chegan. A economía da clase traballadora está endebedada para negocio dos bancos, tamén os baixos salarios para maior plusvalía e beneficio das Empresas.

2ª.- Preguntémonos tamén porque se propoñen as reformas para corrixir a débeda pública en países como Grecia, Portugal, Italia, Irlanda e o Estado Español, cando son precisamente estes países os que menos débeda pública teñen en relación ao PIB (Produto Interior Bruto) da Europa dos 15, e son por tanto os que menos gastan en pensións, prestacións públicas, desemprego, ensino, sanidade e salarios dos empregados públicos.
Cando esixen reducir o gasto público no Estado español, o que están a pedir os ricos, o capital, é que se reduzan os salarios dos empregados públicos primeiro e logo o do resto dos traballadores e traballadoras, non importa que xa sexan baixos. Ademais piden que se reduzan as prestacións públicas, pensións e desemprego, e todos os gastos destinados a sanidade e ensino público. Desta maneira os Bancos estarán seguros que de primeiro o Estado lles paga a eles os empréstimos contraídos polos Bonos Públicos (débeda pública), e os empresarios están seguros de que coa redución do gasto público se van privatizar para as empresas servizos públicos na Sanidade, no Ensino, na Asistencia a dependentes e terceira idade, nos servizos dos Concellos e das Comunidades Autónomas, Piscinas, Incendios, Limpeza, etc. Máis negocio para a empresa privada e peores salarios, peores servizos públicos e máis precariedade para a clase traballadora.

3ª.- Como podemos explicar que xusto nestes países que teñen os salarios máis baixos da UE dos 15, precisamente para estes, os Gobernos, a Banca e os Empresarios están pedindo e executando medidas de redución e conxelación de salarios?
Unha das medidas que máis rouba diñeiro á clase traballadora e o transfire para o capital prodúcese por unha profunda reestruturación e reformas laborais no mundo do traballo nos últimos 30 anos. A subcontratación do traballo en todos os sectores, a eventualidade, as ETTS, etc, hoxe no Sector Público, no Automóbil, no Naval en calquera sector a subcontratación faise para abaratar os salarios, para traballar máis horas, para poder despedir mais facilmente sendo eventuais, para poder sobreexplotar a clase traballadora. Pero curiosamente os países cos salarios máis altos son os máis competitivos e con menor desemprego, por tanto salarios baixos e precariedade é igual a máis crise e maior desemprego.

4ª.- Como se explica que o Goberno español destinase máis de 200.000 millóns de euros no ano 2009 en axudas á Banca con xuros do 1%, e logo estes mesmos bancos con este diñeiro, poidan mercar Bonos do Estado (emisión de débeda pública ) que o Estado deberá pagar logo a estes bancos a uns xuros de entre o 7 e 10%?
A Banca e as transnacionais teñen un poder inmenso. O lóxico sería que en vez de darlle este diñeiro á Banca Privada e endebedarse con eles, o Estado crease unha Banca Pública como existía antes, para asegurar o crédito ás empresas e á clase traballadora, deste xeito non se paralizaría a economía porque se activaría o consumo. O caso de Brasil e Uruguai son paradigmas deste exemplo: con catro Bancos Públicos, en vez de reducir salarios, subíronos e as súas economías son das que máis medran no planeta e crean emprego. Non teñen crise. Pero a Banca Privada non quere competidores públicos. O capitalismo concentra a riqueza para os capitalistas.

5ª.- Por que nestes mesmos países queren reformar o Sistema Público de Pensións, cando por exemplo no Estado español o Fondo de Reserva acumula 53.000 millóns de superávit, a maior cantidade da súa historia?
A clase traballadora é hoxe o dobre que hai 30 anos, por tanto somos o dobre dos cotizantes. Por esta razón desde hai 10 anos o Fondo de Reserva das Pensións ten un superávit tan importante. As pensións non están en crise, pero é un gran negocio para a Banca e as Empresa privadas que queren xestionalo. Reducir as pensións públicas para que teñamos que contratar pensións privadas e deixar sen recursos aos máis necesitados socialmente. Esta política está fracturando mais á sociedade, creando mais exclusión social e repartindo a riqueza para os máis ricos.

17 de xuño: MOBILIZATE!!!

Manifestacións:

Vigo ás 20,00 h. Vía Norte
Coruña ás 20,00 h. Praza da Palloza
Santiago ás 20,30 h Praza Roxa
Pontevedra ás 20,30 h. Praza da Ferrería
Ferrol ás 20,00 h. Avda. de Esteiro (local da CIG)
Lugo ás 20,00 h. Parque de FRIGSA
Ourense ás 20,00 h. Pavillón dos Remedios


 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.